Eloy Domínguez, director de "No cow on the ice"

Eu creo que o filme é tan pequeniño, tan fráxil e tan íntimo que talvez cree empatía"

Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) vén de recoller no Festival Cinespaña de Toulouse o premio ao mellor documentario pola súa primeira longametraxe como director, No cow on the ice, filme que xa fora recoñecido no Play Doc e en festivais como o de Sevilla e L’Alternativa de Barcelona.

Eloy-Dominguez-Seren_o2
photo_camera Eloy Domíguez

Imaxino que sentirías moita emoción logo das gabanzas que recibiu do xurado o filme...

A verdade é que estou moi contento. O xurado destacou que era un filme moi íntimo e honesto, e apreciou moito a flexibilidade e o orgánico que é, pois pasa por diferentes estilos e entra na exploración da linguaxe e mais na relación entre linguaxe e a paisaxe. Ademais, o nivel era moi alto. Competía con filmes notábeis premiados anteriormente en festivais internacionais, mesmo co galego Os días afogados.

Cales foron as túas palabras ao recoller o premio?

Sempre que se fala da emigración, adóitase tomar a perspectiva de quen marcha e de quen queda, mais hai unha terceira perspectiva que talvez non estea tan presente. É o da comunidade de acollida. E disto falei, porque Toulouse foi exemplar na integración das persoas emigrantes, como tamén o foi México. É un exemplo na acollida de exiliados republicanos españois que, ademais, puideron organizar a resistencia contra o franquismo desde esta cidade. Respírase esa presenza desde cada recuncho de Toulouse.

"A película naceu do meu empeño en reivindicar que quería ser cineasta"

Que pretendías transmitir con No cow on the ice?

A película naceu do meu empeño en reivindicar que quería ser cineasta. Eu acabara de estudar a carreira e atopeime cun panorama co que se atopa a meirande parte dos mozos e das mozas: a falta de perspectivas laborais. E tratei de buscar esas perspectivas laborais en Suecia. Alí desenvolvín unha serie de profesións que non tiñan relación directa coa miña formación, pero, ao mesmo tempo, dicíame a min mesmo “se quero ser cineasta, teño que facer cine”. Desta maneira, comecei a gravar todo o que podía ao meu redor. Filmaba esta nova experiencia laboral e vital co fin de que talvez algún día puidese ser un filme. Non sabía, en realidade, se acabaría sendo un filme ou unha experiencia.

A estrea do documentario na Galiza foi no Play Doc, festival que tamén gañou. Que se agocha tras o éxito deste filme?

Foi marabilloso que na estrea xa resultara premiado. E que tiver a sorte de que o filme fose distribuído no Numax, onde estivo dúas semana en carteleira. Á pregunta que me fas... sempre é máis doado preguntarlle ao espectador. Eu creo que o filme é tan pequeniño, tan fráxil e tan íntimo que talvez cree empatía co espectador. Narra unha historia universal, a dun emigrante que se ten que adecuar a un entorno novo. Penso que calquera persoa que viviu no estranxeiro ten que atravesar unha serie de procesos de adaptación, inmersión e renuncia que, dalgún xeito, están aí e iso pode favorecer que moita xente se sinta recoñecida.

"Moitos galegos e galegas teñen familiares no estranxeiro, ou eles mesmos estiveron no estranxeiro, ou os seus fillos estarán... Isto crea moita empatía co espectador"

Máxime na Galiza, onde lamentabelmente sabemos do drama da emigración na xente moza...

Sen dúbida. A historia de Galiza non se pode comprender sen a dos seus emigrantes. Primeiro tratouse sobre todo a nivel da literatura. De feito, o meu filme recolle algunha imaxe da Historia de emigrantes, de Xosé Neira Vilas. O meus avós emigraron a Holanda. E é algo case cíclico na historia do noso país, mozos que teñen que buscar a vida no estranxeiro. Moitos galegos e galegas teñen familiares no estranxeiro, ou eles mesmos estiveron no estranxeiro, ou os seus fillos estarán... Isto crea moita empatía co espectador.

O cinema galego volveu de Toulouse co seu recoñecemento e co de Marta Lado, actriz de Sicixia, como mellor actriz protagonista. Cal é o seu estado de saúde?

Había tres filmes galegos en competición: Os días afogados, Sicixia e No cow on the ice. É un momento envexábel, porque desde o 2011, e ano tras ano, hai producións galegas en festivais internacionais de moito prestixio. Falamos de proxectos que se fan con moi poucos recursos e que teñen uns resultados impresionantes. Ano tras ano, na programación de grandes festivais hai sempre cinema galego.

Comentarios