CULTURA

A lírica combativa de SonDaRúa: da resignación ao ataque

Cultura

A lírica combativa de SonDaRúa: da resignación ao ataque

Eterno Combate, o primeiro LP de SonDaRúa, está dispoñíbel desde hoxe en plataformas dixitais. Un disco reivindicativo e heteroxéneo, onde os ritmos festeiros sacan a bailar o compromiso.
De esquerda a dereita, Álex Arnoso, That Bass DJ e Hugo Guezeta, compoñentes de SonDaRúa.
photo_camera De esquerda a dereita, Álex Arnoso, That Bass DJ e Hugo Guezeta, compoñentes de SonDaRúa.

"Ou somos galegos ou non somos. Eu son así de radical", reafirmábase con contundencia Saleta Goy. Son estas as verbas que abren o novo disco de SonDaRúa, que se declara na loita xa desde o título: Eterno Combate. Hugo Guezeta quedou impresionado cando deu cun discurso da compañeira do defunto Manuel María, á que logo coñecería. "É unha muller moi comprometida, cunha forza incríbel", di con admiración o vocalista, que admite que lle recorda á súa avoa.

O trío formado por el xunto a Álex Arnoso e That Bass DJ en 2016 lanza hoxe o seu primeiro traballo de longo formato, após publicaren en 2018 o EP Liberando Mentes. A gravación do álbum foi un proceso longo que comezou en novembro do ano pasado e se estendeu até febreiro de 2020, froito dos malabarismos para compaxinar horarios e dedicación a unha actividade que, cando menos de momento, non dá para vivir. "Aprendemos moito musicalmente con Félix Cebreiro no estudio, de arranxos e tamén a nivel vocal", valora Guezeta. Así, por exemplo, enfrontáronse a situacións novas como "gravar por primeira vez con instrumentos, no tema que fixemos con Skandalo GZ".

Máis repousado

Fronte a Liberando Mentes, este supón un traballo "máis serio". O EP foi resultado de gañaren o Concuros de Sonidos Mans do Revenidas e fixérono un pouco "ás presas". No entanto, Eterno Combate vén máis repousado, mesmo cun proceso de preprodución no estudio caseiro de Arnoso. Tamén os curtiu a experiencia. "Temos as ideas máis claras sobre o que queremos facer, cunhas pautas ambiciosas", explica Guezeta.

"Temos as ideas máis claras sobre o que queremos facer, cunhas pautas ambiciosas", explica Guezeta

Ao hip hop máis clásico únense sonoridades do reggae ou do ska, co punto hardcore de pistas como "Animal" ou a inspiración latina da "Salsa galaica". As letras combativas que os caracterizan concílianse co inesperado intimismo de cancións como "Mirada interna", nunha paisaxe por momentos desoladora na que a voz do MC confesa ficar "sen horizonte despois de pasar os 20".

"Un disco é un proceso vital", considera Guezeta, no que se atravesan "momentos bos e malos". De aí xermola un álbum heteroxéneo, resultado de xuntar temas coa mente posta en "sorprender no directo". Con todo, a lingua mantense como un dos alicerces do proxecto musical. "Só rapeo en castelán se mo pide Kase.O", cantan desafiantes.

O ego trip do hip hop atopa a súa máxima expresión na repetición da frase "centreime para o mellor puto disco que pariu Galiza". Guezeta contextualiza esta afirmación, explícita e ambiciosa, na sondaruaconcepción do rap como "competición dialéctica, que fai mellorar a todo o mundo", moi presente en todo o traballo. "Se cadra aí levámolo ao extremo, noutros momentos é máis retranqueiro, pero se non nos cremos nós a nosa propia música quen o vai facer?", pregunta.

Emigración endémica

Desfilan polas letras de SonDaRúa referencias plurais, desde os 5 talegos a Sés, pasando polos remixes de Dios Ke Te Crew ou cortes desa marca xeracional televisiva que foi Pratos Combinados. Aparecen tamén os versos emblemáticos do "Adiós Ríos" de Rosalía, na voz de Navia Rivas, quen colabora en "Éxodo", canción que saíra como single antes de que o álbum estivese planeado. Aí acada corpo de maneira máis evidente o tema da emigración, que sobrevoa o disco desde o mesmo comezo, coa reivindicación urxente de lle pór fin a esa realidade de que "liscar da nosa terra sexa un mal endémico".

"Neste país non hai futuro", comenta Guezeta, nunha percepción dese "síntoma alarmante da sociedade galega" motivada por unha problemática que a eles, como a tantas outras, lles toca de preto a nivel persoal. "Temos que dar co puño na mesa e parar esta sangría, ou non terá volta atrás. Unha sociedade sen bases non ten futuro", advirte, reclamando a necesidade dunha resposta da Administración máis alá de "agasallar maletas" á mocidade.

Camaradas de combate

Para alén da colaboración con Rivas, xa vira a luz a gravada con Skandalo GZ, "Pontakas Antifa". Mais estas non son as únicas. Un dos reclamos do disco é o "Berro Colectivo" que asinan cos seus compañeiros de barricada musical Ezetaerre. As súas voces érguense no común: "para a nosa rebeldía sobran xa moitos motivos".

"É un disco para cargar enerxía, autoestima e amor propio", afirma Guezeta

No verso "creo no que vexo e vexo un mundo enfermo" revelan, fóra das proféticas circunstancias da situación actual, unha visión crítica da realidade, mais que se dirixe cara á construción de alternativas. Así, "da resignación pasamos ao ataque" tamén entoan, na mensaxe última desa loita permanente do inconformismo que corre polas veas do SonDaRúa "combativo e vacilón". O disco cuestiona o modelo de sociedade desde unha ollada positiva que procura "cargar enerxía, autoestima e amor propio", di Guezeta. Dar azos para seguir loitando sempre, porque "sorrindo tamén ensinamos dentes ao inimigo", cantan.

O álbum ía presentarse o pasado 16 de abril na Sala Malatesta (Compostela), nun evento que quedou truncado pola emerxencia sanitaria. As datas de verán "van caendo por meses", conta Guezeta. De momento foi xuño, e xullo leva o camiño. Aínda que de entrada foi un pequeno golpe para eles, observan a situación sen catastrofismo: "Estamos cargando as pilas para que a presentación e a volta aos palcos sexa máis especial".

comentarios