A etapa lucense de Ricardo Carvalho Calero (1950-1965)

Eis un percurso que conecta Ricardo Carvalho Calero coa cidade amurallada, un Lugo en plena transformación urbanística, desde a cerna do colexio Fingoi, após o drama da guerra civil española
Lugo
photo_camera A escola de Maxisterio, os institutos Feminino e Masculino na Avenida de Ramón Ferreiro, obras do Réxime nos anos 50.

Despois de 1939, coincidiron en Lugo varios represaliados do Partido Galeguista como Avelino Pousa Antelo, Antonio Fraguas Fraguas e Ricardo Carvalho Calero, que casou en 1933 cunha luguesa, María Ignacia Ramos Diez, á que coñecera en Santiago en 1927 na clase de latín de 2º de Filosofía e Letras cando cursaba 2º de Dereito. 

A traxedia da guerra civil

Rematados os estudos de Dereito, e os de Filosofía e Letras en 1935, pide a excedencia no seu traballo no Concello de Ferrol, dá clases particulares e cólleo o alzamento militar en Madrid opositando para institutos. O 17 de xullo de 1936 suspéndense as probas e nace a súa primoxénita Margarita. Queda illado de Galicia e alístase nun batallón de profesores que se forman en Valencia, e co grado de tenente participa na contenda sendo ferido en 1937. Despois é xulgado e condenado a 12 anos e un día de reclusión maior. Aos dous anos comeza a redimir a pena co traballo e volve a Ferrol en 1941 onde dá clases particulares, nacendo en 1942 a segunda filla, María Victoria.

Grazas á amizade cos compañeiros galeguistas Álvaro Gil Varela, empresario e mecenas, e con Ramón Piñeiro, en 1949 preséntanlle no café de Méndez Núñez a Antonio Fernández López (1903-1970), home de negocios que lle encarga dirixir o Colexio de Fingoi. En 1950 vai para Lugo e a familia ao ano seguinte. Primeiro viven en San Roque, 14, na casa da nai da súa muller, pasan ao número 8 da rúa do Bo Xesús, de alí a Fingoi e despois da etapa no colexio, o matrimonio vive no número 1 da rúa Vilalba e no 7 do Carril dos Loureiros despois de 1990.

A cidade na que viviu

Nos anos 50 a cidade estaba en plena transformación e desenvolvemento e aínda conservaba “parte do seu enlevo de pequena capital de provincia”. Conta que entre 1950 e 1970 o Lugo que coñecera na súa nenez se transformara profundamente, a burocracia triplicara os altos postos de funcionarios e médicos distinguidos “atingiam os primeiros renques da sociedade luguesa. Agora era a era dos engenheiros. Dos cirurgiaos. Surgiam também grandes capitais burgueses. O comercio, a industria criavam umha nova aristocracia. O mesmo Fernández López pertencia a este estamento social, e era engenheiro de caminhos [...]. As velhas familias de gincia fidalga, alheadas as suas terras, perderam toda importancia, todo peso, na vida da capital. Ja nom eram os cónegos da catedral e os catedráticos do Instituto as veneradas persoas que eu conhecera nos meus anos da nenez”.

Durante a República iniciáronse algunhas obras que quedaron sen terminar, como a Praza de Abastos, a Escola Elemental do Traballo, e en Fingoi, onde se vai levantar o Colexio que vai dirixir, creáronse algúns pavillóns da Granxa Rexional Pecuaria. Comezouse a construción de edificios públicos como o Goberno Civil, o Museo Provincial, o Palacio de Xustiza, o Instituto Provincial de Sanidade, o Sanatorio Antituberculoso de Calde, a Residencia Sanitaria e o edificio para o Instituto Nacional de Previsión e o Ambulatorio.

A instalación de dúas industrias cárnicas, o sector primario, a construción e os funcionarios eran o motor económico. Creáronse barrios fóra da muralla como o de Abuín e Domingo Tallo, á sombra de Industrias Abella e da Residencia Sanitaria; o barrio da Milagrosa e o Feijóo, pola instalación en Albeiros de Frigsa, creada polo INI e accionistas, como os Fernández, todos habitados por xentes do rural, a maioría empregados nestas factorías. 

As outras zonas de ensanche urbano foron a inmediata ao parque de Rosalía, coa chamada Cidade Cultural; na parte da Estación, o barrio de Burozos, e desde o convento das Salesas o barrio de Paradai. A burguesía local seguía vivindo no recinto histórico e tiña como lecer o paseo polo Cantón, a Alameda e pola rúa da Raíña, e no Méndez Núñez reuníase “umha brilhante representaçom da intelectualidade lucense”.

O ensino nos anos 50

A Escola de Maxisterio non tiña edificio propio facendo as prácticas na Escola Graduada de Nenos ou Grupo Escolar de Quiroga Ballesteros, proxectado en 1925 e inaugurado en 1931. O franquismo puxo especial atención en dotar de infraestruturas a Sanidade e a Educación. Nos últimos anos da década dos corenta construíronse, na chamada Cidade Cultural, as escolas Normais de Maxisterio e Instituto Masculino de Ensino Medio, e na década dos cincuenta fíxose o Instituto Feminino e a Escola de Comercio.

O ensino privado era relixioso, para os homes o Seminario e os Maristas, e para as mulleres as Xosefinas, e naqueles anos establécese a Compañía de María. Ante este panorama Antonio Fernández quería o mellor colexio para os doce fillos que tiña e decidiu crear un para a familia e para os fillos das elites de Lugo, que se educasen de acordo coa súa formación e ideario. 

O Colexio de Fingoi

Foi un centro singular autorizado e tolerado polo Réxime “por ser vos quien sois”, dirixido por Carvalho Calero entre 1951 e 1965. Situado daquela no rural, no medio da natureza, cunha paisaxe fermosa por riba do Miño, a carón da casa do propietario que, como as instalacións foron proxectadas polo arquitecto Manuel Gómez Román, outro membro do Partido Galeguista. O edificio principal estaba inspirado nun pazo, con aulas, biblioteca, comedor, capela, dous campos de deportes, taller de oficios manuais, garaxe, laboratorio xeolóxico e edafolóxico en edificio á parte xunto ao parque de fruticultura, xardinería e forestal, estanque, zona de parcelas de horticultura para que os alumnos fixesen cultivos, e dependencias para aves, coellos, porcos e colmeas, todo o necesario para desenvolver un ensino mixto e laico, onde se aprendía sen libros de texto, seguindo os criterios da Institución Libre da Ensinanza. A educación era galega, con recitais e obras de teatro de autores galegos, actividades de danza e música tradicional, con saídas ao campo, viaxes durante o curso por Galicia e, ao rematar, fóra do país. Tratábase de galeguizar un ensino españolista, algo insólito naqueles anos da ditadura.

O traballo intelectual de Carvalho Calero nos quince anos de Lugo foi magnífico. Fai a tese de doutoramento, escribe poesía, teatro e a Historia da literatura galega contemporánea. O seu círculo de amigos foi reducido pero selecto, Antonio Fraguas, Ramón Piñeiro, o médico e poeta Luis Pimentel, frecuentaba a casa de Celestino Fernández de la Vega, e a rebotica de Antonio Figueroa Mosteiro na rúa do Conde de Pallares, onde o retratou o pintor Tino Grandío.

Comentarios