A viaxe dunha machada de máis de 6.000 anos desde os Alpes até o seu achado en Vilalba

O traballo constitúe "unha proba máis" da existencia de conexións e da circulación de obxectos entre dous dos principais Finisterres atlánticos, Galiza e Bretaña, desde polo menos o V ou IV milenio A.C.
machada neolitica1

Un estudo no que participa un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) logrou trazar o percorrido dunha machada única de máis de 6.000 anos de antigüidade, desde a súa construción a partir de materiais dos Alpes, o seu paso pola Bretaña e a súa chegada a Vilalba.

Esta peza é a única destas características atopada ata agora en toda a Península Ibérica e foi atopada na parroquia vilalbesa de Vilapedre, onde foi achada no século XIX.

A machada foi construída a partir dunha roca verdosa do Piamonte italiano dos Alpes. De man en man, acabou chegando á Bretaña, rexión na que foi modificada ao practicarlle unha perforación, e terminou chegando a Galiza após unha travesía marítima.

A machada foi construída a partir dunha roca verdosa do Piamonte italiano dos Alpes. De man en man, acabou chegando á Bretaña, rexión na que foi modificada ao practicarlle unha perforación, e terminou chegando a Galiza após unha travesía marítima.

Así se desprende das conclusións do artigo que acaba de publicarse na revista 'Journal of Lithic Studies' da Universidade de Edimburgo. O estudo está asinado polos investigadores da USC Óscar Lantes, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, así como por autores da Universidade Nova de Lisboa e do Centre National da Recherche Scientifique (CNRS) de Francia.

Os resultados das análises mineralóxicos e elementais confirmaron que o material do que está feia procede, con toda probabilidade, das proximidades do curso alto do río Po ao seu paso por Revello, no Piamonte italiano.

Estes datos constataron, ademais, as impresións achegadas por diversos especialistas a partir da análise superficial desta peza ao longo do últimos cincuenta anos.

Para iso analizáronse diversas mostras de xadeíta e outras pedras verdes procedentes de diversos puntos dos Alpes italianos, onde estas materias primas foron explotadas durante o Neolítico para servir de soporte para a manufactura de machadas puídas que logo circularon por toda Europa, fundamentalmente entre o 5.000 e o 3.000 A.C.

"A machada de Vilapedre foi transportada orixinalmente á Bretaña , onde sería remodelada seguindo os gustos locais: puíndoa ata dotar a súa superficie dun brillo especular e sendo perforada no seu parte proximal ou talón, probablemente para ser empregada como adorno destinado a lucir colgado no peito dalgún individuo prominente", explica o profesor Ramón Fábregas.

Desde a Bretaña viaxaría posteriormente ata o norte da Galiza, probablemente por mar, tal e como suxire a ausencia deste tipo de machadas perforadas noutras áreas ao sur do val do Río Garona.

Aínda que a orixe exacta desta peza dentro da parroquia de Vilapedre continúa sendo unha incógnita, a revisión dos arquivos persoais do seu descubridor, o historiador Manuel Mato Vizoso, suxire que a machada podería proceder dalgún dos túmulos existentes na parroquia homónima, como os que conforman a necrópole de Bouza ou Veiga da Garea.

Por todo iso, o traballo constitúe "unha proba máis" da existencia de conexións e da circulación de obxectos entre dúas das principais fisterras atlánticas, Galiza e Bretaña, desde polo menos o V ou IV milenio A.C.

Comentarios