O estudio de Rei Ballesteros agochaba un ensaio que ve a luz cinco anos após súa morte

A editorial Axouxere vén de publicar Presenza dunha Ausencia (Sobre Maurice Blanchot) un ensaio inédito que o escritor Anxo Rei Ballesteros gardaba no seu estudio e que sae á luz cando se cumpren cinco anos do seu pasamento. 

Rei Ballesteros
photo_camera Rei Ballesteros

A partir dun texto manografado atopado entre os pais que o escritor deixara amoreados no seu estudio nace este novo libro do escritor Anxo Rei Ballesteros, unha descuberta que se fai pública cinco anos despois da súa morte na Coruña en outubro de 2008. 

Rei Ballesteros adéntrase en Presenza dunha Ausencia na obra “L´espace littéraire na que o filósofo francés Maurice Blanchot reflicte arredor do proceso creativo e o feito literario, da literatura como expresión do ser. 

Os editores anotan que o texto chegou até eles manografado, sen concluír mais, ao seu ver, “conserva, porén, unha estraña aura, un fulgor que brilla desde o seu adentro”. Despois dun profundo traballo de edición, sacan á luz unha obra que, segundo valoran, mesmo pode marcar “un pequeno (humilde e imperceptíbel) fito no despregue da ensaística en galego”. 

Con obras como Dos anxos e dos mortos, Loaira, Non sei cando nos veremos ou A noite do moucho, Rei Ballesteros gañou un lugar de relevo na narrativa contemporánea, mais acadou tamén un espazo privilexiado no ámbito do ensaio con títulos como A outra memoria ou Tempo e vinganza. No ámbito do ensaio foi gañador no ano 2002 do Premio Ramón Piñeiro polo libro Tempo e vinganza e no 2007, canda Carlos Fernández, fíxose co Premio Ánxel Fole por Urda o mundo. 

Após da novela

Após a súa morte, Galaxia xa publicara con carácter póstumo a novela A noite do moucho, unha obra que o autor deixara manuscrita, mais rematada, aínda que, no momento da súa publicación, a editorial incluía na súa definición o seu carácter de “texto non definitivo”. Comezara a escribir a obra a man en Codeso (Boqueixón) -o seu lugar de nacemento- en agosto do 2007 mais a enfermidade impedíralle rematar a versión final mecanoscrita na que estaba a traballar.

 

Comentarios