Entrevista

Mónica Alonso: "Estudo como se interpretan cores e espazos"

A exposición 'Todxs Somxs Únicxs' usa cuestionarios de alumnado da UVigo 
Mónica Alonso posa fronte á peza azul que representa a que considera como cor preferida (DUVI).
photo_camera Mónica Alonso posa fronte á peza azul que representa a que considera como cor preferida (DUVI).

A artista Mónica Alonso leva anos investigando a percepción da cor en diferentes culturas e grupos sociais. A exposición Todxs Somos Únicxs combina a bagaxe destes estudos co realizado recentemente con estudantes da Universidade de Vigo, traducindo este último a unha obra artística que pode visitarse na Sala Alterarte até o 21 de maio. 

A exposición xorde a partir dun proceso de investigación sobre a percepción da cor. En que consiste?

A investigación comezou xa en 2012, na cidade do Cairo (Exipto). É un proxecto que trata a percepción espacial e cromática en distintas culturas. O meu interese é aplicar un cuestionario con variábeis que se relacionan cunha gama de cores, coa intención de obter a maior información posíbel de distintos grupos sociais e culturais. Levo moitos anos investigando na cor, aínda que os meus coñecementos máis importantes se centran na cultura occidental, quería estendelos a outras culturas. Por iso, a primeira aplicación do cuestionario foi no Cairo como dicía antes, coincidindo ademais co momento do golpe de Estado e a intervención militar. De tal maneira, obtiven resultados quer culturais quer sociais moi vencellados co que estaba a acontecer naquel período. Eu pregunto sempre de que cor é o presente, e nese contexto a resposta era "negro" ou "gris", cando noutras culturas normalmente acostuma ser "azul", "verde" ou "amarelo".

Centreime na percepción das mulleres intentando ver as diferenzas da cultura xitana ou da árabe, así como de conxuntos de mulleres con cancro xinecolóxico ou de vítimas de violencia

Logo, o meu interese levoume a viaxar a México e facer alá a mesma investigación, pois é o país da cor. Así, en 2015 obtiven uns resultados moi interesantes, en relación a unha percepción moito máis viva da cor. Tamén estudei a cultura galega aplicando o cuestionario na cidade de Lugo, primeiro a unha mostra completa de homes e mulleres de distintas idades e logo, dentro dun proxecto máis ambicioso, a grupos máis concretos. Centreime na percepción das mulleres intentando ver as diferenzas da cultura xitana ou da árabe, así como de conxuntos de mulleres con cancro xinecolóxico ou de vítimas de violencia. Obtiven uns resultados moi interesantes a respecto do que é a percepción feminina das cores e ás distintas situacións sociais nas que se atopaba a muller no momento en que foi enquisada. 

Este é o marco no que leva a traballar durante anos, mais que investigación deu orixe á exposición actual?

Cando xurdiu a posibilidade de facer un proxecto para a universidade, pensei en aplicar ese cuestionario específico ao grupo social de estudantes dunha franxa de idade máis ou menos de 19 a 21 anos, para estabelecer a cor asociada a determinadas ideas, incluíndo elementos da súa vida cotiá como de que cor son os exames, a amizade, a ruína, o éxito... Non me cinguín só a cuestións de cor, senón que intentei facer unha achega psicolóxica e emocional preguntando, por exemplo, "como te defines?"; "todas as persoas somos únicas, en que cres que es único?"; "que che preocupa especialmente?". Procuraba crear listaxes de persoas que se consideran únicas e as distintas visións do que isto significa.

Outra das cuestións que tratei era a descrición do cuarto. Resultáronme moi suxestivas, polo que decidín facer debuxos baseados nelas

Outra das cuestións que tratei era a descrición do cuarto. Resultáronme moi suxestivas, polo que decidín facer debuxos baseados nelas. Escollín 40 e ilustrei como eu interpretaba que serían. Isto serviume tamén para ampliar a investigación ao eido espacial, así como para obter información sobre ese espazo específico. Ademais, as alumnas tiñan a posibilidade de deixar o seu correo electrónico para que eu contactase con elas e seguir a traballar no proxecto. Coas que accederon, fixen unha reinterpretación dos cuestionarios en relación ás preguntas e ás cores escollidas, incorporando tamén máis interrogantes. Na correspondencia xurdiu a obra Todxs Somos Únicxs.

Como se traduce isto na exposición Todxs Somos Únicxs? Que pezas atopamos?

Ademais do que fun mencionando (os debuxos dos cuartos, a resposta a por que se consideran únicas) están tres cadernos que recollen a documentación do proxecto. Outra das pezas xorde en relación á gran predilección cromática que hai polo azul. Decidín facelo aínda máis presente pintando un enorme cadro desta cor no centro da sala. Como quería que as persoas que o visen soubesen cal era, dou a referencia do pantone 307-C, que é a que eu considero a cor preferida. 

Comentarios