Estréase ‘No cow on the ice’, a historia sobre emigración de Eloy Domínguez

Mañá cuarta feira estréase en Numax ‘No cow on the ice’, o último filme de Eloy Domínguez Serén, outro dos representantes do chamado Novo Cinema Galego. Unha fita documental que rexistra a emigración do propio autor a Suecia e que foi premiada en varios festivais. 

nocowontheice
photo_camera Imaxe de 'No cow on the ice'

A historia é a seguinte: un mozo galego migra a Suecia, onde desempeña varios traballos a tempo parcial mentres trata de emprender a súa carreira cinematográfica. A aprendizaxe dun novo idioma e a súa fascinación por unha paisaxe insólita convértense axiña en dous estímulos fundamentais fronte ás dificultades do seu proceso de adaptación no novo país. Mediante a documentación constante do seu novo hábitat, os seus diversos oficios, e as súas novas relacións, Domínguez Serén reflexiona sobre a súa nova condición de emigrante-inmigrante.

Premiado nalgúns dos festivais estatais máis importantes de cinema de non ficción (Play-Doc, Filmadrid, L'Alternativa), ‘No Cow on the Ice’ estréase mañá cuarta feira no sala compostelá Numax, onde poderá verse até o sábado 27 cando o propio autor presentará o filme e logo manterá un coloquio posterior co público asistente. 

Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) comeza en 2010 a súa actividade no ámbito do cinema como crítico na Radio Galega e como cofundador e codirector d'A Cuarta Parede, primeira revista dixital escrita en galego dedicada á crítica cinematográfica. En 2011 escribe e dirixe a súa primeira curtametraxe documental, 'Fills de Samsó', co-producida por Televisió de Catalunya. En 2012 trasládase a Estocolmo, onde desenvolve a súa carreira e estrea a curta ‘Pettring’ (2012), a mediametraxe ‘Jet lag’, a longa ‘No cow on the ice’ (2015) e outras dúas curtas: ‘Yellow Brick road’ e ‘Rust’. Agora está a traballar na posprodución de ‘Midvinter’, un filme noruego rodado no círculo polar ártico. 


INGEN KO PÅ ISEN - NO COW ON THE ICE (Trailer) from Eloy Domínguez Serén on Vimeo.

Comentarios