A estrea de A Esmorga leva o galego a todos os cines do país

Esta sexta feira será unha xornada histórica nas salas de cine galegas. A estrea da película A Esmorga levará a nosa lingua ás salas comerciais de todo o país, feito que non ocorrerá até agora. 

A Esmorga nos autobuses
photo_camera A Esmorga nos autobuses

Unha película en galego que se proxecta nas salas de todo o país. Este é un dos feitos que converterán ao filme A Esmorga nun fito dentro da historia do cine galego. A partir desta sexta feira día 21, a película dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada nos seus principais papeis por Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde poderase ver en salas comerciais de Ourense -Pontevella-, Vigo -Gran Vía, Praza Elíptica, Multicines Norte, Yelmo Travesía de Vigo-, Santiago de Compostela -As Cancelas-, A Coruña -Os Cantóns, Marineda City e Yelmo Os Rosales-, Lugo -As termas-, e Pontevedra -Cinexpo- ademais de nas salas de Carballo, Vilagarcía, Monforte de Lemos, Cee, Ribeira e Leiro. En total, serán 50 copias as distribuídas esta fin de semana en todo o país. 

A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor chega ás pantallas grandes cunha gran produción rodada integramente na nosa lingua. A produtora fixo, posteriormente, unha versión dobrada xa que, tamén singularmente, o filme foi mercado pola TVE para a súa emisión. 

A Esmorga é a cuarta longametraxe dirixida por Ignacio Vilar, que con anterioridade levou ás pantallas Pradolongo e Vilamor, tamén rodadas en galego e na Galiza, cunha forte marca de identidade na creación dun cinema propio que o autor defende. 

“Crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición”, explican arredor dunha película intensa que tivo a súa preestrea no Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF), onde acadou unha grande ovación polas máis de mil persoas que formaban parte do público. 

Para que deixe de ser noticia

A continuidade nas salas comerciais dependerá da afluencia de público da fin de semana da estrea. Por esta razón, o equipo artístico co seu director á cabeza desenvolveron nesta semana unha intensa campaña de promoción en centros de ensino e asociacións, con actos nos que convidaron ao público a asistir ás salas de cine. A Esmorga é tamén a película do cinema galego que conta coa maior campaña de promoción da súa historia. Ademais da comunicación directa, dos encontros co equipo do cine e da presenza en medios, a imaxe da película repítese en grandes carteis e autobuses ao longo de todo o país. 

A Mesa pola Normalización Lingüística animou tamén a acudir á estrea do filme e destacou “a importancia de que o público amose o seu apoio ao cine galego e en galego nas salas comerciais para que este tipo de estreas deixen de ser noticia”.

Comentarios