Música e teatro

Estrea do poema de Carvalho Calero musicado por Miguel Brotóns

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra no teatro Jofre de Ferrol esta cuarta feira, ás 19.30 horas, un acto de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero no que se estreará a peza "Ferrol, 1916", composición de Miguel Brotóns a partir dun poema do autor. Tamén se presentará a edición institucional da Farsa das zocas.
Carvalho Calero con Mugardos ao fondo
photo_camera Carvalho Calero con Mugardos ao fondo

Mañá o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra no teatro Jofre de Ferrol, ás 19.30 horas, un acto de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.

Esta proposta, adiada a outono por mor da pandemia, supón a estrea da peza "Ferrol, 1916", unha composición de Miguel Brotóns a partir dun poema do autor.

Aliás, a cita servirá de presentación da publicación da Farsa das zocas coa que a institución recupera esta obra. O evento pretende servir de antesala do Concerto das Letras Galegas que terá lugar o día 30 de outubro.

'Farsa das Zocas'

O acto contará con dúas partes encamiñadas a ofrecer a unha perspectiva de Ricardo Carvalho Calero como autor, diferente da súa imaxe máis pública.

En primeiro lugar, exporanse as chaves da publicación institucional da Farsa das zocas, un texto que mostra un Carvalho Calero como escritor. Aínda que garda a aparencia do teatro popular, ten moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática.

Farsa das zocas está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo.

Alén da edición facsimilar, o volume conta cun estudo introdutorio a cargo de Carlos Biscainho, profesor da Universidade da Coruña, que asistirá ao evento.

Arroupa esta presentación o vídeo da dramatización do mesmo texto feita por Tito Asorey, Melania Cruz e María Vazquez, presentado polo Consello o día 17 de maio.

Estrea musical

A segunda parte da homenaxe inclúe un concerto a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico e do pianista Alejo Amoedo da obra "Ferrol 1916", peza composta por Miguel Brotóns (Alacant, 1965), baseada no poema homónimo de Carvalho, recollido en Futuro condicional.

O autor quixo transmitir "baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol".

Aínda que a estrea absoluta da peza tivo lugar no propio Día das Letras Galegas, será agora a primeira vez que a canción se interprete diante do público.

Comentarios