Sesión continua de filmes rodados en San Sadurniño

Estrea das 23 obras producidas no Chanfaina Lab

Vinte e tres filmes rodados en San Sadurniño conforman a sesión continua que, o vindeiro sábado, 9 de febreiro, se proxectarán na Casa da Cultura da localidade. Trátase das obras producidas no último Chanfaina Lab durante a primeira fin de semana de setembro do pasado ano.
 

Castillo_de_Naraío_I
photo_camera Castelo de Naraío, en San Sadurniño. Imaxe: Galipedia.

Entre as cineastas figuran nomes de relevo do último cinema galego, por caso Adrián Canoura -con Rexistros (xeografía de San Sadurniño)-, Andrés Goteira -con Nena-Dina- ou Helena Girón e Samuel Delgado -con Irmandade. Cada unha das autoras presentará o seu traballo e recibirá unha Lola da Cascarilla, “algo así como os Oscar ou os Mestre Mateo locais”, segundo a organización.

“As olladas dos realizadores e realizadoras son sempre sorprendentes e engaden a curiosidade do público local”, indican os promotores, o propio Concello de San Sadurniño, “ao lle propoñer retratos do lugar trazados desde fóra pero tamén desde dentro”. No quinto Chanfaina Lab, do que agora se estrean as pezas, “o 60% das participantes son cineastas locais”. E cuxas ideas van dos 13 aos sesenta anos.

promo chanfaina

Nos 23 filmes a proxectar conviven todo tipo de estratexias. Do documental á ficción, do experimental ao xénero. A única condición, de feito, é que se graven en espazos de San Sadurniño “con historias que reflictan algún vencello co territorio ou no que este se poña ao servizo do argumento como simple escenario”.

Despois da gala do sábado, as obras estarán dispoñíbeis na Rede na canle Fálame de San Sadurniño.

Filmes a estrear:

Cabeceira – Roberto Bouza
A rapaza que borboriñaba aos cabalos – Catalina Rodríguez
Rexistros (xeografía de San Sadurniño) – Adrián Canoura
Sen orde nin ficción – Natalia Fernández
A vista de cabalo do demo – Bieito Beceiro
Síntese – Ángela Arnosa
Xente bonita #1 – Cibrán Tenreiro
The Sansa Stomp – Iago Lourido
Breixo – Javier Seoane e Kevin Lorenzo
Dereito a sermos vellas – Irene Beceiro
A chamada – Simone Saibene
Insomnio – Sebastián Rodríguez
Non teño dono – The Sungirls
Electra – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
E fíxose a luz – Fran Bermúdez
O silencio dos eólicos – Aser Álvarez
Arrolo – Lucía Estévez
Unha casa de aldea – Abel Vega
Nena-Dina -Andrés Goteira
Conectado – Pablo Martínez
Irmandade – Helena Girón e Samuel Delgado
Nimbo – Mar Catarina e Rubén Domínguez
Soñadores – Gabriel Tizón

Comentarios