Estrea da obra musical ‘Alba de Gloria’ composta por Rogelio Groba

Este sábado producirase en Lalín a estrea absoluta da obra musical ‘Alba de Gloria’ dedicada a Castelao no marco da serie de concertos organizados pola Deputación de Pontevedra para conmemorar as efemérides relacionadas co autor de Rianxo neste 2016. 

festivalgroba1
photo_camera Presentación da estrea e do Festival Groba

O ciclo foi composto este mesmo ano polo autor galego Rogelio Groba a partir do discurso que Castelao fixera no exilio con motivo do Día da Patria, e será interpretada pola Orquestra de Cámara Galega (OCG) en Ponteareas (no marco do Festival Groba), Vilagarcía e Lalín.

As actuacións da OCG realizaranse o sábado 30 no Pazo de Liñares de Lalín (20.30 h.), o 6 de agosto na Igrexa de Vistalegre de Vilagarcía (21.00 h.), e o luns 8 de agosto no auditorio municipal de Ponteareas (21.00 h.), no marco do Festival Groba, que se desenvolverá entre o 5 e o 12 de agosto na vila do Condado. O ciclo ‘Alba de Gloria’ está formado polas pezas Alborada de gloria; Na catedral; Sen ti, alegrías e tristuras; Etnografía panteísta; Cortexo fúnebre; Oda aos inmortais e Enerxía Colectiva. 

O responsable da Orquestra de Cámara de Galicia, Rogelio Groba Otero (fillo do compositor Rogelio Groba), salientou que a peza que se estreará, que cualificou de “interesantísima e cargada de emotividade”,  foi composta polo seu pai “e dedicada a unha das figuras máis senlleiras do país” co xerme do discurso ‘Alba de Gloria’ feito por Castelao. 

Festival Groba

A cuarta edición deste festival de música clásica celebrarase en Ponteareas do 5 ao 12 de agosto. As principais novidades para este ano veñen vinculadas ao apartado pedagóxico. E, en canto a concertos, volverán contar con figuras senlleiras do panorama musical contemporáneo, como a violinista Clara Jumi Kang, as violistas Lea Hennino e Kyoungmin Park, ou a pianista Kasia Wieczorek. Xunto a este elenco, nomes relevantes como os violinistas Guy Braunstein, que foi concertino da Filharmónica de Berlín; Emmanuelle Baldini, concertino da Orquestra do Estado de Sao Paulo (Brasil); os chelistas Massimo Macri e Zvi Plesser; a flautista Gili Schwarzman; o pianista Julien Quentin, ou a soprano Ingrida Gapova. Ao seu carón, nomes relevantes do panorama galego, como Alba Reirís ou Bernabé Simes. Coma sempre, a Orquestra de Cámara Galega exercerá de ‘orquestra residente’ do Festival.

Contarase, ademais, coa colaboración dunha das grandes promesas da composición galega, o lugués Luis Álvarez Cabado, do que se vai estrear unha obra que lle foi encargada polo propio Festival: ‘Andante impromptu’. Outras estreas importantes nesta edición serán a de dous dos catro concertos que compoñen a colección A roda do ano (os titulados Primavera e Verán), de Rogelio Groba, así como o xa mencionado ciclo escrito este mismo ano a partir do célebre discurso de Castelao Alba de gloria, co que o autor ponteareán homenaxea ao polifacético artista e intelectual rianxeiro neste Ano Castelao.

Comentarios