venres 23/10/20

A Estrada románica volve saír á luz

A Estrada románica reivindica o seu valor como ben de consumo cultural e faino coa reedición dun libro que saíu do prelo por primeira vez en 1999. O seu autor, Xosé Luna Sanmartín, conta máis de dúas décadas de divulgación do patrimonio artístico que mellor define o seu concello, na comarca de Tabeirós, e a Galiza.
igrexa románica estrada San Lourenzo de Ouzande
Loita de leóns no capitel meridional do presbiterio da igrexa de San Lourenzo de Ouzande.

"O románico é a arte que mellor nos define como estradenses e como galegos", escribe Xosé Luna Sanmartín no limiar da obra A Estrada románica; un volume divulgativo que dúas décadas despois da súa primeira edición, volve saír do prelo da man de Edicións Fervenza. "O libro orixinal publicouse no ano 1999 en Edicións Fouce, promovido pola Asociación Cultural A Estrada. Era unha publicación modesta e artesanal, pero para nós tiña un gran significado, porque o que queriamos era divulgar a cantidade, calidade e orixinalidade das igrexas románicas do municipio da Estrada".

Unha vez rematan as obras da catedral, os mestres canteiros viñeron traballar ás terras de Tabeirolos.

Aquela primeira edición, que se esgotou ao pouco tempo de saír, presentouse en San Xurxo de Codeseda, unha das dúas igrexas estradenses que o autor sinala como máis orixinais e representativas do románico galego, paradigma deste estilo artístico en todo o territorio. Desta volta, tras máis de 20 anos de roteiros, charlas e xornadas dedicadas á arte románica do concello, a obra presentouse na praza da feira da Estrada no marco dunha nova normalidade que non logrou rebaixar o entusiasmo de quen viu cumprido o seu afán por segunda vez.

O mellor románico galego

"Eu e outra moita xente estabamos de acordo en que cumpría dar un paso máis", recoñece Luna Sanmartín. "Estamos ante o mellor románico da Galiza, e polo tanto, do Estado español. Algo doado de explicar pola escasa distancia que separa A Estrada de Compostela. Unha vez rematan as obras da catedral, no século XII, os mestres canteiros viñeron traballar ás terras de Tabeirolos, que é como se denominaba A Estrada naquela época".

Explica o autor, tamén mestre e activista cultural, que foi así como as igrexas que xa estaban erguidas en moitas parroquias do municipio, na actual comarca de Tabeirós, deixan a súa pegada e mesmo detalles que revelan o influxo compostelán. "Temos influencias mateanas nos arquiños de ferradura de San Xoán de Santeles ou no beirado da ábsida de San Miguel de Moreira, onde unha boa colección de canzorros historiados presentan como novidade ter decorado, no espazo que queda libre entre eles, flores estreladas de seis puntas cun botón central inscritas nun círculo que nos lembran ás do Pórtico de Praterías", detalla Xosé Luna no seu libro.

A Estrada románica percorre as 21 igrexas románicas coas que conta o concello, distribuído en 51 parroquias. "Eu divídoas en igrexas de ábsida semicircular, as de Ouzande, Moreira, Oca e Riobó; igrexas de ábsida rectangular, as de Tabeirós, Frades, Castro, Ancorados, Barcal e Loimil; outras con moitos pormenores románicos, como as de Santeles, Vea, Remesar ou Lagartóns, e os dous templos que considero paradigma do románico galego: a de San Pedro de Ancorados e a de San Xurxo de Codeseda".

Gustaríame pór en valor as igrexas porque, en termos industriais, a Estrada é unha das máis grandes fábricas de arte románica que existe.

Ademais, a obra repara nas pías bautismais que se conservan en vea e frades mais na torre de Guimarei, "o monumento civil máis representativo da nosa Idade Media e emblema do concello". Con todo, destaca Xosé Luna, as parroquias estradenses agochan outros vestixios e patrimonio abondo de estilo románico que as fan merecedoras dun recoñecemento turístico e cultural que non acaba de chegar. 

Bens de consumo cultural

"A min gustaríame pór en valor esas igrexas, porque en termos industriais a Estrada é unha das máis grandes fábricas de arte románica que existe", incide, co ánimo de alentar iniciativas que ofrezan a posibilidade de desfrutar destes monumentos como bens de consumo cultural.

Xosé Luna avoga por volver os ollos cara ao patrimonio propio para proxectalo cara a fóra, como xa fixo o profesorado da comarca, que no canto de acudir a un catálogo foráneo para as súas clases de arte, elixen como referencia as mostras que o alumnado pode gozar nas súas propias parroquias.

E confía en que, con esta reedición de luxo, que inclúe o vídeo orixinal de 24 minutos realizado por Francisco Rodríguez Fontarigo, o potencial da Estrada románica, "esta arte de noso que é a que mellor nos define. Xa dicía Otero Pedrayo, que 'as parroquias significan todo, son a nosa familia; porque veñen dos clans dos antigos celtas, porque a ermida ou igrexa florece sobre o lugar onde se erguía o castro axexador de horizontes', por iso que sería moi interesante darlle pulo a esta industria descoñecida, no sentido de que non está explotada desde o punto de vista turístico".

Recoñecemento

A día de hoxe, as igrexas románicas da Estrada, situadas no alto, en antigos castros, permanecen fechadas e visitalas é unha tarefa complicada que require da vontade do contorno. "As chaves están ben nunha casa particular ben na taberna do lugar", sinala Xosé Luna, quen anhela para o conxunto de igrexas románicas da Estrada así como para outros exemplos do patrimonio artístico e civil do municipio, como a a torre de Guimarei ou a ponte vella de Liñares, afluente do Ulla ao seu paso polo concello, un recoñecemento capaz de aglutinar tantas visitas de calidade como recibe o Pazo de Oca.

Hai moitas curiosidades e elementos que dan conta da calidade e da orixinalidade da arte románica da Estrada.

Detrás de cada pedra sempre hai un misterio ou un detalle que destacar, asegura Xosé Luna, autor d'A Estrada románica. "Hai moitas curiosidades e moitos elementos que dan conta da calidade e a orixinalidade da arte románica do concello. Temos, por exemplo, a portada de Xoán de Santeles, que conta cun arco lobulado que nos lembra a influencia do Mestre Mateo", sinala, pero anticipa outras "marabillas", como a loita de leóns que se pode ver no capitel meridional da igrexa de San Lourenzo de Ouzande. "Este templo ponnos na pista dos paseos que Castelao compartiu coa súa dona, a estradense Virxinia Pereira, até o lugar, e que debuxou en numerosas ocasións. Pois aí, no presbiterio, hai unha loita de leóns que é unha preciosidade".

Luna recomenda unha visita a Santo Estevo de Lagartóns, "cun capitel único e orixinal que mostra a autenticidade dos mestres canteiros chegados de Compostela, co gravado dun raposo cunha galiña na boca. Ou os capitais da igrexa de San Miguel de Moreira, ademais das dúas igrexas pentagonais que son prototipo do románico galego. San Xurxo de Codeseda, que é unha xoia, ou San Pedro de Ancorados, cunha ábsida excepcional.

Inimigos do románico

Apegado a este inventario de arcos, ábsidas e capiteis, Luna Sanmartín destaca a pegada que co paso dos anos deixou nestes conxuntos románicos os que el cualifica como "dous grandes inimigos do románico", os retablos barrocos e as sancristías. "Nos séculos XVI e XVII, os presbiterios enchéronse de retablos que viñeron tapar as pinturas orixinais románicas mais as seteiras. Na década dos 90, coincidindo coa retirada dos retablos para a súa restauración, chegaron as descubertas, como as que se poden ver en Santiago de Tabeirós ou en San Miguel de Moreira", onde se conservan uns frescos pintados polo mestre Frameán. Na mesma liña, as sancristías, "que viñeron estragar, máis tarde, as ábsidas, con casetos de pedra onde se vestían os curas", afirma.

comentarios