Estíbaliz Espinosa explora a irmandade no libro gañador do premio Afundación

O ser humano non remata en si mesmo. E a súa dimensión colectiva tampouco acaba nos outros seres humanos. Para Estíbaliz Espinosa (A Coruña), a idea de irmandade non é reducíbel. É irredutíbel. A explorala nas súas diferentes versións dedica o libro de poemas As neuronas irmás, co que vén de gañar a 15ª edición do premio Afundación.
 

Esti por Sandra G Rey en Dexo retallada
photo_camera A poeta Estíbaliz Espinosa. Foto: Sandra G. Rey.

“Este libro está moi relacionado con outro, titulado Curiosidade, que se publicará dentro de 15 días”, expón a Sermos Galiza, “e que traballa sobre a simbiose entre ciencia e literatura, coa curiosidade do ser humano como motor”. A partir dese continuo preguntar, dese interese pola totalidade do que envolve ás persoas, Espinosa adéntrase no vínculo -emprega a palabra “irmandade”- entre “o ser humano e a natureza, sobre todo na parte cósmica”.

Mais non só. Porque o propio concepto de irmandade, etimoloxicamente ligado á fraternidade democrático revolucionaria, remite a outras vías tamén percorridas pola poeta. “A irmandade entre mulleres, é dicir, a sororidade, e o feito de ter un irmán e a súa perda”, por caso. A continua reivindicación “da intelixencia das mulleres” a través de científicas como a bióloga inglesa Rosalind Franklin (1920-1958) ou a inventora austríaca -e actriz- Hedy Lamarr (1914-2000) conforma outros dos alicerces da obra.

Os territorios lindeiros entre o saber científico e a literatura sempre preocuparon a Estíbaliz Espinosa. Indagou neles xa en Zoom. Textos biónicos, publicado na Rede en 2007 e en libro dous anos despois. “É que eu nunca considerei que a ciencia e a literatura estivesen separadas. Por exemplo, a filosofía gustoume sempre. E os antigos gregos non distinguían”, sinala, antes de lembrar a importancia da mítica serie de televisión Cosmos, escrita e presentada por Carl Sagan, na súa visión da escrita.

“Carl Sagan si escribe poeticamente, liricamente”, asegura, “e no seu programa de divulgación tamén falaba de Eratóstenes, ou da Biblioteca de Alexandría. Eu sempre vin de maneira natural os fíos que unían a ciencia e as humanidades”. Outras voces das que Espinosa bebeu inclúen á gran poeta polaca Wislawa Zymborska ou ás novas comunicadoras científicas galegas: Déborah García Bello ou Xurxo Mariño.

“Para divulgar a ciencia tes que empregar a escrita”, esténdese sobre un tema que a apaixona, “tes que imaxinar metáforas, porque o noso cerebro funciona con metáforas. O cerebro é un moble literario. E explicar ben algo é tamén literatura”. A beleza da linguaxe, como afectan á ciencia as condicións sociais en que esta se produce, ou a maneira de contar a súa propia historia, tamén fan parte dos intereses da autora.

Logo de case nove anos sen publicar libro en galego -papel a punto de (2011) escribiuno en galego pero apareceu traducido ao castelán-, Estíbaliz Espinosa regresará ás librarías con Curiosidade, “que é como a nai de As neuronas irmás”, antes de final de ano.  E a obra premiada por Afundación -en colaboración co Pen Clube e a Xunta- estará na rúa contra a primavera. Do xurado formaron parte as escritoras Berta Dávila, María Neves Soutelo, Mario Regueira, Luís González Tosar -presidente- e Xabier Castro -secretario. 

Comentarios