domingo 09/05/21
Esther Goris, a actriz de orixe galega que trunfa na Arxentina

Esther Goris: “Todo artista ten que ter unha gran tolerancia á frustración”

Esther Goris (Bos Aires, 1963) é unha das grandes referencias da escena arxentina. Actriz de cine e de teatro, habitual nas series das canles de televisión, directora dun importante número de filmes e montaxes dramáticas e escritora, achéganos a súa relación coa Galiza, a terra natal do seu pai e da súa nai, á que permanece intimamente ligada. 
Esther Goris, no papel de Coco Chanel na montaxe teatral “Coco de París”. (Foto: Nós Diario)
Esther Goris, no papel de Coco Chanel na montaxe teatral “Coco de París”. (Foto: Nós Diario)

Cóntenos as súas orixes galegas.

Imos dicir que son filla, neta, bisneta de galegos. Toda a miña familia naceu na Galiza e eu son a única que está na Arxentina. A familia da miña nai, Rosalía, naceu en Vila de Cruces. Eran 11 irmáns, e a familia de meu pai, cinco. É dicir, teño unha familia numerosísima na Galiza. Algunha xente moi nova da familia foise a outras zonas do Estado español. É moi incríbel, mais a primeira vez que fun á Galiza, un señor que ía por un camiño parouse e díxome: Din que es a miña curmá. Es dos Goris? Eu quedei sorprendida. Díxenlle que si, claro. O certo era que en toda a vila xa se sabía da miña presenza e, por certo, tiña moitos familiares.

Como se coñeceron os seus pais?

Coñecéronse alá, en Vila de Cruces, eran amigos. Aínda que a miña nai estaba moi namorada del, o meu pai parece que non tanto. Ademais había un gran problema, o meu pai era dunha familia moi pobre e a miña nai era da familia do médico. Aínda que nos períodos de posguerra tamén eran moi pobres. Eles pasaron todas as vicisitudes económicas despois da guerra.

Logo reencontráronse na Arxentina?

O tempo segue pasando até que en 1951, a miña nai parte do porto de Vigo na liña italiana Giovanna C. Chega a Bos Aires o 18 de xaneiro, por aquel entón tiña 28 anos. A arxentina estaba gobernada polo xeneral Perón e tiña unha economía próspera. Alí en Bos Aires estaban a esperala, entre abrazos e bágoas. Ante unha cidade de Bos Aires impoñente, a miña nai comeza unha nova vida e empeza a traballar como empregada do fogar. 

Como segue a historia?

Despois a miña nai comezou a sementar flores. Ía cun cesto vendelos ao mercado. Consegue pór un posto e logo compra un negocio. Eu lembro que cando era moza a miña nai regresaba da feira cunha grande alegría. Na Galiza, ás mulleres, polo menos na casa da miña nai, non as deixaban sentar na mesa. A miña nai, polo feito de poder traballar, gañar o seu diñeiro e manexar a súa vida, foi enormemente feliz. Foi moi feliz na Arxentina. O meu pai axudouna traballando como xardineiro, e ese foi o traballo que el fixo desde os seis anos até o día da súa morte. Morreu aos 88 anos, coa miña nai dándolle un bico.

As súas últimas palabras foron: “Síntome mal”, recostouse e faleceu.

E vostede?

Eu tiven a sorte de poder acceder a unha educación, ao contrario que os meus pais. Estudei a carreira de Letras, na Facultade de Filosofía e Letras de Bos Aires, e daquela empecei tamén a estudar teatro. Tiña que traballar para poder estudar, de modo que tiña unha vida bastante ocupada. Malia a represión daqueles anos, participaba dun grupo de mozos que nos opuñamos ao Goberno do xeneral Videla. Na miña profesión tiven bastante sorte porque comecei a traballar como actriz moi cedo. É certo que despois tiven que ter unha gran paciencia, persistencia, unha gran tolerancia á frustración, que é o que ten que ter todo artista.

Como vivían os seus pais a súa carreira artística?

Vivían con moito orgullo os meus pequenos triunfos e con moita alegría cada un dos meus logros. Máis adiante, no ano 1995, eles deciden volver á Galiza.

O meu pai estrañaba moito a súa terra e a miña nai tamén. O meu pai non había día en que non falase da súa terra. Eu axudeinos, porque eles tiñan moita mágoa de deixarme a min aquí. Eu quería que fosen felices e deixeinos partir, aínda que despois arrepentinme un pouco.

Como foi a súa primeira visita á Galiza?

A primeira vez que fun á Galiza foi no ano 1990, cando fun traballar ao Estado español coa xira do espectáculo Tango Varsoviano, unha obra de Alberto Félix. Viñeron buscarme uns tíos a Madrid a tarde en que me despedín dos meus compañeiros e leváronme á Galiza. Recordo que había moita néboa. Entrei na Galiza como dunha maneira case máxica, como os contos de fadas ou como na literatura gótica. Foi inesquecíbel. Eu non coñecía a miña familia. Cando eu nacín, os meus pais xa eran maiores e había tempo que estaban casados. A miña nai non podía ter fillos e finalmente nacín, case como 
de milagre.

Que recordos ten da colectividade galega?

Recordo con moita felicidade cando era moza e os meus pais me levaban a bailar aos centros de galegos. Especialmente ao Centro da Estrada, de onde eran orixinarios. Recordo que a miña mamá levaba comida preparada ou ben era meu pai quen preparaba un asado. Comiamos e logo levantábanse as mesas e bailábase o pasodobre. Eu era tan feliz! Os meus pais bailaban moi ben e eu sentíame moi orgullosa e moi feliz cando o meu pai me sacaba a bailar. 

Como naceu a idea de filmar Morriña?

Quería falar da loita dos inmigrantes na Arxentina e tomei como exemplo os meus pais. Conseguín unha axuda pequeniña e puxen eu outra parte do diñeiro.

A idea era filmar unha parte en Bos Aires e outra parte na Galiza, pero unha semana antes de comezar a rodaxe na Arxentina faleceu o meu pai. Eu creo que foi coa emoción de vir verme facer esa película, de modo que en lugar de vir aquí, fun eu ao seu enterro para despedirme del. Cando o enterramos, díxenlle a miña nai que iamos facer igual a película e así foi. Contratei un cámara en Santiago de Compostela e aí comezamos a filmar Morriña

comentarios