Emma Pedreira, escritora

“A estética pola estética non me interesa”

A filóloga Emma Pedreira (A Coruña, 1978) vén de engrosar a extensa nómina de recoñecementos no seu haber co premio internacional Jovellanos ao mellor poema do mundo por Lista da compra da viúva e publicou recentemente Bibliópatas e fobólogos (Galaxia). Nesta conversa, considérase unha poeta social e cuestiona a estética pola estética, “se a poesía non ten compromiso, non vale para nada”. Entrevistámola no Sermos Galiza 242. Aquí un extracto.

148189013807301_emma_pedreira_por_marcos_barral_2016
photo_camera Emma Pedreira

Presentáronse ao premio Jovellanos máis de mil pezas, de 41 países e 16 linguas e o mellor poema do mundo está escrito en galego. Que é para ti o idioma?

É o meu orgullo. Cada vez que me din “gañaches este premio”, respondo “si, en galego” e cunha morea de linguas en competición. Quen tiña unha maior presenza era o castelán, porque había moita xente de América Latina e de provincias españolas. Que unha lingua tan pequeniña, como o galego, estea aí a min foi o que me encheu de sorpresa e estupor e de orgullo, agora mesmo. A lingua é o medio de expresión cara ao futuro e no presente e un lazo co pasado, un compromiso, pero fóra do termo político, porque é algo natural, unha forma de comunicarse.

3Ti es da Coruña e percibirás como a perda de galegofalantes é cada vez máis acusada.

Pérdese totalmente, non só na Coruña, senón a todos os niveis. Estase perdendo lectores, o interese do público, dos editores... fechan librarías, editoriais, medios... o panorama é bastante triste. Por que? Aí si que hai un tema político de fondo. Impóñennos ese odio cara á propia lingua.

Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?

A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”... Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.

O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?

Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro... ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita... que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa.

[A íntegra desta entrevista tela no Sermos242, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa]

Comentarios