Estefanía Busto: "En ‘Matria’ todos tiñan claro que o galego debía ser o da ría de Arousa para ser fieis á realidade do que se contaba”

Estefanía Busto é a lingüista de Oza que axudou María Vázquez a falar en ‘Matria’ como nas Rías Baixas

maria estefanbia
photo_camera María Vázquez e Estefanía Busto

Que fai unha de Oza dos Ríos ensinando a unha de Vigo a falar como se fose da Illa de Arousa?

Foi máis un traballo teórico, tirando de apuntamentos. O que houbo foi un traballo de inmersión polos propios intérpretes [María Vázquez e Santi Prego]. De feito María preparou a personaxe coa propia Francis [muller en quen se inspira o filme]. Foron eles, os actores, os que fixeron máis ese traballo de fonética. Eu, por dicilo así, estabelecín uns criterios.
Neste tema hai que dicir que tamén toda a produción e dirección estaban implicados, tiñan claro que o filme tiña que ser con esa variante do galego, respectala, e que fose o máis natural e fiel á realidade posíbel. Creo que o resultado é moi digno.

E como chegou a asesorar lingüisticamente Matria?

Traballei en diferentes producións audiovisuais, como iso que agora chaman ‘coach’, unha palabra que a verdade non me gusta moito (ri). Traballei como lingüista, supervisando os guións, que estivesen ben linguísticamente e tamñen tendo conta de que o que os personaxes dicían se correspondese co que viña no guión. Así que xa tiña un traballo previo no audiovisual.

Cando a produtora me propuxo facer isto en Matria ao principio dábame un pouco de medo, nunca fixera este tipo de traballo, mais ao mesmo tempo era unha oportunidade e nun proxecto moi chulo. Primeiro fomos traballando sobre o guión, que xa estaba escrito tendo en conta esa variante do galego. Aí tiven un traballo máis de harmonizar, de que fose coherente.

E despois xa con sesións individuais cos dous actores. Posteriormente aínda estiven en contacto con eles para axudar, resolver dúbidas, un traballo de moito whats app. Por exemplo, María preguntábame “pero isto dígoo con e aberto ou pechado?”, para que vexas o nivel de implicación que había.

Destaca esa implicación dos intérpretes en aprender a variante das Rías Baixas, mais tamén do conxunto do filme 

Todos asumiron e tiñan claro que o galego desa zona era unha parte máis do personaxe e do filme. Ás veces isto pode ser un pouco delicado, se se está moi pendente da lingua, da pronunciación, hai risco de que se esquezan doutras cuestións da interpretación, mais non foi o caso. Foi algo moi natural e o resultado está aí.

Que tal a experiencia?

Moi bonita, estiven moi a gusto, tanto Marìa e Santi estiveron de acordo en como debería de ser. A verdade é que moi ben e o filme está funcionando.

Houbo algo que lles custase coller aos actores desa variante do idioma?

Non, ambos os dous implicáronse moito. Santi comentaba que tiña coñecidos na zona e estivera con eles, unha especie de inmersión; María  foise para a Illa de Arousa... Xa coincidira con eles antes e os dous son uns grandes profesionais e unhas persoas cos que dá gusto traballar.

Considera que no audiovisual galego hai implicación co idioma e 'mimo' para as súas variantes?

Podería haber máis. Pero creo que hai apostas por mostrar o idioma e a súa riqueza en proxectos que mesmo se fan á marxe da televisión pública e que deben ser valoradas, como este caso de Matria ou, xa noutro vivel, Fariña.

Comentarios