O Estatuto de 1936 protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, entrevistamos a futbolista Miriam Ríos Barreiro.
Sermos Galiza, cada día no teu quiosco de confianza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sermos Galiza, cada día no teu quiosco de confianza. (Foto: Nós Diario)

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que abre coa reportaxe 'Estatuto 1936. O longo camiño cara á autonomía', de Mar Álvarez.

Analizamos nesta peza os principais protagonistas e factores que xiraron arredor do referendo e posterior aprobación do Estatuto de Autonomía galego de 1936. Asemade, pomos o foco no papel xogado polos medios de comunicación á hora de facer campaña a favor ou en contra do Estatuto.

Entrevista a Miriam Ríos

No Sermos deste sábado o xornalista Xosé Barros entrevista Miriam Ríos Barreiro, ex xogadora do Orzán e do Deportivo da Coruña, ademais de ser unha das mellores futbolistas galegas da historia.

Miriam Ríos, retirada a comezos de xuño, repasa a súa traxectoria como futbolista, desde os seus inicios até a chamada da selección galega. Tamén reflexiona sobre o papel social e activista que deben xogar referentes públicos como ela mesma.

As contradicións de Emilia Pardo Bazán

Por outra parte, Montse González asina a peza 'Contradicións de Pardo Bazán. tres visións sobre a obra e a personalidade da autora', na que trae á palestra a figura da autora de finais do século XIX a través de tres ensaio "con enfoques moi diferentes".

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, mentres Fernando Montenegro asina un artigo titulado 'Alborada no Vigo de Miles Davis'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Live is Life, de Dani de la Torre, e Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha peza titulada 'Xapón no Seixo'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro A vida na Grecia clásica, de Alfonso Blanco, mentres Manuel Barreiro analiza O bosque dos raposos aforcados, de Nicolás Dumontheuil. Aliás, o colectivo Xea trae a segunda parte da visión de Guitiriz e a ruta da Auga, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios