O Chicho do Funk, produtor de Boyanka Kostova

"Estannos a recibir como unha movida un pouco estraña que non saben ben por onde coller"

Boyanka Kostova toman o seu nome dunha deportista de halterofilia búlgara multada por dopaxe nos Xogos Olímpicos de 2012. Cibrán García e O Chicho do Funk son voz e produtor dun grupo que comezou a súa andaina en marzo de 2016. O trap é o formato mais a mensaxe cala con forza nunha fina liña entre retranca e realidade, cargada de enxebrismo rural. 
 

O Chicho do Funk, Boyanka Kostova
photo_camera O Chicho do Funk, produtor de Boyanka Kostova

-Como xorde Boyanka Kostova?

-Cibrán máis eu tiñamos antes un grupo con Esteban (o compañeiro de Chicho en Esteban & Manuel, o seu outro proxecto musical) e máis xente. Cando se desfixo nós queriamos seguir facendo música, xusto eu acaba de mercar uns cacharros así que nos puxemos a facer temas. Nun mes tiñamos 10 ou así e xa empezamos a dar concertos. Todo foi moi rápido e fluído. Dende ese momento nunca paramos. Agora imos sacar disco e vai ser o tema número vinte e pico publicado cando sen publicar quedaron outros quince ao mellor.

-Ides sacar disco agora? Até o momento forades editando máis ben temas soltos, ou o EP que foron cinco.

-Si, desta vez conseguimos facer bastantes temas cunha boa cohesión así que ao final vai así. A min tamén me mola o tema de sacar disco. É un formato que está guai e deixa ver totalmente o que es. Un traballo máis grandilocuente. O estilo do trap, que vai tema a tema está ben, pero nós temos que ver co trap só até certo punto. O son é o mesmo, pero nós non somos así.

-Entón por que o trap?

-Porque nos mola, porque o atopamos interesante. É unha música que nos enche. Aínda que hai moitas cousas que non nos gustan.

-Quizais ides máis polo son que pola propia cultura do trap.

-Si, ben, a cultura en xeral, porque machismo o hai en todas partes. É a nosa música, a nosa visión, creo que nos queda algo curioso polo menos.

-Sabiades antes de facer este proxecto que erades o primeiro grupo de trap en galego? Que supón?

-Si, sabiámolo. Para nós non supón nada en especial máis aló de que nolo din moito, en todas as entrevistas (risas). Ao principio cando tampouco tes nada feito, pois hai que buscar un pouco algo que te diferencie e penso que o trap nos diferenciou bastante. Pero tamén é unha etiqueta que molaría deixar a un lado, é un pouco básico.

-Xa fixerades trap antes?

-A ver, no grupo anterior que tiñamos fixeramos un par de achegamentos, todo con instrumentos clásicos. A intención estaba pero realmente non o era.

O galego non nos pecha portas. Nós saímos fóra e á peña lle mola.

-De primeiras o que chama a atención é o nome. Por que este nome?

-Queriamos un nome contundente, que enchera a boca. Ocorréusenos Boyanka Kostova, Gravesen, Per Mertesacker e un par máis. Ao final quedou Boyanka Kostova. Á xente faille graza.

-Supoño que isto viría un pouco da data na que foi a súa polémica, que se falaba dela por todas partes.

-Non, o gracioso é que nós nos puxemos o nome e aos dous meses retiráronlle as medallas.

-Ou sexa, foi antes.

-Claro, nós puxémonos o nome en abril. Xa ese verán foron as Olimpíadas (Río 2016) e ela non puido ir, ademais de quitarlle o de Londres.

-Vós contades cun duplo estigma, os que consideran o trap inferior e os que fan o mesmo coa lingua. Que lles diriades aos críticos?

-En 2018 esas merdas xa tiñan que estar máis que superadas. Que pasa co trap? Que a peña lle ten tirria porque é o movemento da mocidade que se pasa polo forro todo o anterior. Quen critica iso? Os rockeiros pollaviejas que hai 30 anos eran exactamente igual. As cousas son cíclicas. Din do trap que non saben tocar, as letras son unha merda e todo son drogas e putas. Meu, e ti que cres que eran os Rolling Stones? Ou o movemento country que eran todos uns borrachuzos e uns pegamulleres. Hai que ter un pouco de conciencia e memoria. O tema da lingua, apaga y vámonos. Eu veño de tocar en Madrid e Sevilla con Boyanka. O galego non nos pecha portas. O que che pecha portas é a túa mente. Nós saímos fóra e á peña lle mola. Contan con nós. O rapeiro preferido do teu colega igual canta en inglés e o teu colega non ten nin idea. Se el pode botar ao lado a movida idiomática, por que non pode un de Madrid ou un de Logroño?

-Contades con algún apoio das institucións por facer música en galego?

-Non, institucionalmente contamos con respaldo 0.

O vídeo de Leiraz está gravado nunha explotación dos meus tíos

-Nas vosas cancións hai un forte compoñente rural, trátase de algo reivindicativo ou simplemente estades a amosar a vosa realidade?

-O de reivindicar está moi guai, pero chega un punto no que simplemente fas o que sae de ti. Eu son un pavo que fai música, punto.

-Partides un pouco entón da vosa realidade.

-Si, ben, nós somos de Santiago os dous. Pero tanto Cibrán coma min, as nosas infancias foron de aldea. O vídeo de Leiraz está gravado nunha explotación dos meus tíos. É algo corrente para nós.

-Cal credes que foi o recibimento do público? Estades contentos?

-Si, estamos contentos. Estannos a recibir como unha movida un pouco estraña que non saben ben por onde coller, pero hai mazo de peña que lle mola moitísimo Boyanka Kostova, que van aos concertos e están contentos co que facemos.

Boyanka kostova

-Estádesvos movendo, estades dando concertos.

-Si, na nosa historia creo que levamos 60 concertos polo menos. Que en dous anos é bastante.

-Realmente é todo un mérito porque vén exclusivamente do voso traballo.

-Si, si. Os bolos son resultado de estar mandando correos con La Melona (a súa produtora).

-Nestes dous anos, que agradecedes máis ter vivido?

-A min, a xente que coñecín con isto. Terbutalina por exemplo que eu nin sabía quen eran e agora temos moi boa relación (viste unha camiseta do grupo que dá fé diso). A Brisa Fenoy, compositora de Lo Malo. Estivemos falando con ela algunha noite intentando comerlle a olla. Iso está guai, agora miro para atrás e digo “joder, cantos personaxes”.

-Cales son os plans de futuro? 

-Sacaremos disco. Está masterizándose, igual sae por marzo. Temos un par de concertos concertados.

-Por último, pregunta obrigada. Tedes leiraz? Lígase coas leiras?

-Indirectamente si. Eu ao meu nome non teño, pero si ao dos meus pais. Se se liga, non sei, eu persoalmente non o usei nunca. Mais son consciente de que si que hai quen o usa.

 

Boyanka Kostova van estar tocando na séptima edición do Mercado da Estrela (Compostela) a noite do 15 de decembro.

Comentarios