Lorena Barreiro é unha das impulsoras de ArqFem, Arqueoloxía feminista

"Estamos nun momento precario porque se inviste moi pouco en cultura, e a arqueoloxía é cultura"

A Asociación de arqueólogas galegas (ArqFem) aposta na investigación en arqueoloxía desde a equidade, a horizontalidade e a aprendizaxe colaborativa. A arqueoloxía feminista persegue a visibilización na construción das sociedades pasadas. Conversamos con Lorena Barreiro, unha das impulsoras de ArqFem, para coñecer máis polo miúdo o proxecto, ao tempo que nos pon enriba da mesa a situación actual desta disciplina na Galiza.
As investigadoras de ArqFem nun dos talleres 'Pequenxs Arqueólogxs' [Foto: Nós Diario].
photo_camera As investigadoras de ArqFem nun dos talleres 'Pequenxs Arqueólogxs' [Foto: Nós Diario].

Por que é necesario falar de arqueoloxía feminista?

ArqFem naceu a raíz das inquedanzas partilladas por varias compañeiras que desenvolviamos traballos de investigación sobre a muller no ámbito da arqueoloxía. Comprobamos que non tiñamos moito material, até parecía que eramos as primeiras que estabamos a traballar o tema, polo menos desde un punto de vista de xénero. Quen eran as mulleres? Que relevancia tiveron nesas sociedades? Nos programas de Historia ou de Arqueoloxía parecía que non existían os estudos sobre as mulleres, as identidades, as crianzas, as persoas maiores. Semellaba que os protagonistas desas sociedades eran sempre eles, sobre todo cando imos a tempos tan pretéritos: homes, novos, fortes, como un Brad Pitt en Troia, para entendernos [risas]. Isto provoca que moita poboación se estea deixando de lado nos discursos e, polo tanto, fanse invisíbeis. De aí naceu o proxecto, porque se a Academia non ten esa inquedanza por investigar e mostrar como era a vida desas outras persoas, a imaxe que lle traslada á sociedade é horríbel. Nós, como historiadoras, arqueólogas, docentes... necesitabamos transmitir á sociedade unha imaxe que se adecúe á historia, que explique como a muller no pasado tivo un papel relevante para que tamén no futuro se poida ver reflectida. O cotiá, o diario e as actividades de mantemento son labores sociais que están facendo as mulleres de balde e das que todo o mundo se está apropiando. Queremos darlle ese valor ao igual que valoramos a agricultura.

Que actuacións desenvolveron desde ArqFem?

Entre a programación que realizamos, levamos a cabo actividades coas crianzas. No Museo das Peregrinacións fixemos obradoiros sobre cerámica e pinturas rupestres para ensinarlle á rapazada como era a vida na prehistoria e cales eran as tarefas das mulleres, para que visen que tamén participaron na creación desa arte rupestre, ao igual que as nenas e os nenos. Alén de charlas abertas, o ano pasado decidimos facer as primeiras Xornadas de Xénero, Patrimonio e Arqueoloxía, con moi boa acollida. Contamos con certo apoio da Academia, con grandes arqueólogos e arqueólogas. Así comprobamos que o proxecto comeza a callar e a ter unha representatividade. Agora quedou todo algo empantanado por causa da crise sanitaria.

Desde o seu punto de vista, cal é a situación actual da arqueoloxía na Galiza?

Agora mesmo estamos nun momento moi precario porque se inviste moi pouco en cultura, e a arqueoloxía é cultura. Hoxe por hoxe, o único que pode estar ben é algo que sexas quen de explotar moito desde un punto de vista turístico, o resto está todo parado. Nese sentido, coido que debemos diversificar, comprobámolo agora coa crise sanitaria, se non temos os bares e as terrazas cheas parece que a nosa economía se vai abaixo. Din “Temos que volver consumir”. Si, pero que tipo de consumo? Consumir é tamén poder ir ao cine, ao teatro, a un museo arqueolóxico... As contratacións que se fan en arqueoloxía son poucas e as condicións non son boas. Estamos tirando dun voluntariado enorme, somos unha profesión con moito instrusismo. Estamos perdendo moito por facer as cousas mal, perdendo información moi importante do noso pasado. Por exemplo, escavamos moito porque é moi vistoso e atrae a nivel turístico, pero despois non investigamos ese material, as interpretacións, o estudo queda no aire... Mais é un problema endémico. Ou temos un hotel ou o resto non serve para facer diñeiro. Nestes momentos debemos falar as cousas claras porque nos está a afectar a todas. As persoas que estudamos para a cultura non atopamos un espazo laboral porque non se está reclamando, mais debemos ser críticas e pór as cousas enriba da mesa.

 

 

Comentarios