ROSA ENRÍQUEZ, POETA

“Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar”

Esta segunda feira tivo lugar na Coruña o primeiro recital de Poetas di(n)versos de 2017. Rosa Enríquez (Valdeorras) e Nimrod (Chad, África central) foron a e o responsábel de abrir o oitavo ano do ciclo, dirixido pola poeta Yolanda Castaño. O obxectivo destes encontros, que se realizan de maneira estábel ao longo do ano, é que a poesía galega dialogue coa poética mundial. Falamos con  Rosa Enríquez, colaboradora de Sermos.  

Rosa Enríquez, Nimrod, Yolanda Castaño
photo_camera Rosa Enríquez, Nimrod e Yolanda Castaño

-Vés de estrear, xunto a Nimrod -nado no Chad, na África central- o oitavo ano do ciclo de Poetas di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño.

-Estou moi contenta de participar neste ciclo. Creo que é moi interesante para a literatura galega na medida que pon en contacto poetas galegos e galegas con outras persoas que se adican á literatura tamén e que son de diferentes lugares do mundo e teñen diferentes linguas. Paréceme moi necesario o diálogo intercultural. Este ciclo que organiza Yolanda, que está moi ben pensado, creo que é moi preciso. Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar. 

-Neste encontro realizaches un percorrido polos teus últimos libros. Recitaches unha pequena selección de cada un deles, desde os máis intimistas e persoais até os que implican conciencia social e dignidade. Por que esa escolla? 

-Hai unha cuestión práctica detrás desta decisión que é que dispoñía de 20 minutos, entón iso condicionou un pouco a lectura dos textos. Se quería ler un texto longo tiña que ler logo outro máis curto para que non durase demasiado. Estiven buscando textos dunha lonxitude similar que fosen representativos e interesantes para ese momento. Así que escollín tres de Desobediencia, tres de Atlas de Chaguán, tres de Espectros e tres de Historia do meu corpo en labaradas

 “Paréceme moi necesario o diálogo intercultural”

-É o francés, ademais da relación poética e que sodes dúas persoas criadas no interior, o que te vencella con Nimrod. Profesora desta lingua e poeta, hai algún fío?

-Eu escribo fundamentalmente en galego, pero utilizo ás veces outras linguas, entre elas as que máis coñezo que son o francés e o castelán. En Atlas de Chaguán hai algúns versos en portugués tamén. E si, si que inclúe o estudo do idioma francés, da cultura francesa, a literatura, o cine...todo iso inflúe no que escribo. Síntome moi vencellada a esa cultura porque a coñezo. Quédame moito por coñecer, por suposto [risos].

“Vivimos nun mundo no que as imaxes están por todas partes”

-Estás activa en diversos medios de comunicación, entre eles, es columnista no Sermos dixital, onde adoitas escreber sobre crítica de cinema. Sendo as dúas artes da visión, cal cres que é a conexión principal entre a poesía e o cinema?

-Creo que hai unha conexión grande. Se falamos do cine independente, que é no que máis estou interesada en escribir, creo que si que hai unha conexión entre a poesía e o cine. Por exemplo, neste último filme de Óliver Laxe, si que hai poesía. De algunha maneira sostense o tempo e o espazo. Está como suspendido. E algo así é o que pode acontecer coa poesía. Nese sentido si que hai unha conexión, hai moitas imaxes que son poemas en películas. O artigo que vai saír agora [no Sermos Galiza] sobre Frantz, dirixido por François Ozon, ten un compoñente máxico e hai momentos nos que algunha escena é un poema visual. Ademais, non é só cousa miña. Moitas persoas, escriban ou non poesía, teñen unha conexión coas imaxes, porque vivimos nun mundo no que as imaxes están por todas partes: nas redes sociais, en internet, no google, a fotografía, o cine. Estamos todos moi influídos pola presenza das imaxes. A cousa está en saber que imaxes se fan suxerentes e en cales podemos atopar esa poesía da que me falas. Creo que hai directores de cine que ofrecen iso. No cinema galego hai varios, nomeei a Laxe, pero tamén Lois Patiño. A fotógrafa Carla Andrade, por exemplo, as súas imaxes ás veces parécenme poemas.

-Ademais de varios poemarios, es autora de ‘Unicrom’, novela xuvenil de ciencia ficción e fantasía. Tes pensado escreber máis sobre este xénero?

-Esa novela é unha cousa puntual. Aconteceu porque tiña un blogue -que xa non está activo- e comecei a escribir aí textos sobre seres doutros planetas. A min gústame moito a ciencia ficción e comecei a construír algo e participaron moitas persoas facendo comentarios. Cando xa levaba tempo no blogue con esa historia, animáronme a construílo ben e tiven a fortuna de que a publicase Sotelo Blanco, pero non, non teño pensado facer máis narrativa. Son lectora fundamentalmente de poesía e ensaio, pero narrativa leo menos. Entón non, non estou interesada en escribir narrativa. 

Comentarios