XOSÉ BALLESTEROS, NOVO PRESIDENTE DA AGE

“Estamos diante dunha loita desigual, de 17 contra 83”

Xa hai novo equipo, presidido por Xosé Ballesteros -director de Kalandraka-, e mesmo novo nome para o gremio: Asociación de Editoras. E un obxectivo, superar a grave crise na que está inmersa tanto a AGE como o propio sector. 

AGEdirectiva
photo_camera Nova directiva de AGE, con Xosé Ballesteros no centro.

A Asociación Galega de Editores (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva nunha asemblea celebrada en Compostela. A listaxe encabezada polo xa novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, foi a única presentada e resultou elixida por unanimidade. Releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións. 

Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.

17 contra 83

O novo presidente, Xosé Ballesteros, afirmou en declaracións a Sermos Galiza que os seus principais obxectivos son “ordenar a casa e ir avanzando nesta loita de 17 contra 83”, referíndose a que só o 17% das compras de libros en Galiza mercan produto editado aquí. 

“Queremos medrar no noso mercado natural e tamén exportar, ser quen de seguir internacionalizándonos”

“Queremos medrar no noso mercado natural e tamén exportar, ser quen de seguir internacionalizándonos”, explica un Ballesteros que asinte ao ser preguntado pola grave crise que vén atravesando AGE nos últimos anos. “Isto provén da propia crise económica e tamén da propia debilidade estrutural da asociación, propiciada pola redución de recursos provintes da Administración e doutras fontes, ademais de que moitos socios se foron dando de baixa por mor da situación económica”. Preguntado sobre a débeda que afronta a Asociación, Ballesteros afirma que "está en vías de solución e agardamos que xa poida ser amortizada no próximo exercicio". 

Agora mesmo forman parte da Asociación de Editoras, segundo o director de Kalandraka, “unhas 35 empresas” e quedan fóra “unhas dez, pero son sobre todo microproxectos individuais, aínda que o noso desexo e obxectivo é que estean todas, queremos que sexa unha ferramenta de axuda solidaria que sexa útil para todas as empresas integradas”. 

“Nos últimos oito anos houbo un recorte do 80% dos orzamentos destinados a compra de libros para bibliotecas"

Outro dos obxectivos é manter un “constante diálogo” co resto das asociacións do tecido cultural galego. “Hai que xuntar forzas, como xa se está a facer coa Gala do Libro Galego”, considera Ballesteros. 

“A Administración non pode ser imparcial”

Unha das principais críticas aos últimos tempos da AGE é a falta de reivindicación diante das políticas lesivas que levaron adiante neste sector. Neste sentido, Ballesteros lembra que “nos últimos oito anos houbo un recorte do 80% dos orzamentos destinados a compra de libros para bibliotecas. Iso demostra que este non é o camiño máis axeitado, e que se debe lexislar pensando no sector do libro, pero nós non chegamos con intención de polemizar. A nosa será unha postura dialogante, de intentar chegar a acordos e a consensos, porque estamos diante dunha loita desigual, de 17 contra 83 e a Administración non pode ser imparcial, ten que levar adiante políticas de discriminación positiva co sector”. 
 

Comentarios