Esposa publica o seu primeiro álbum, 'Xardín interior'

Ve a luz o primeiro trabalo desta banda compostelá que se move entre o pop melancólico e soñador e vagas de ritmos frenéticos e intensos. 

esposa
photo_camera Esposa [Foto: Mar Catarina]

Esposa publican o seu primeiro álbum de estudio, 'Xardín Interior', a próxima sexta feira 31 de marzo co selo discográfico Prenom. A banda, afincada en Santiago de Compostela e composta por Mar Catarina (sintetizador), Cibrán Tenreiro (voz e batería), María Villamarín (voz e sintetizador) e Xacobe González (voz e guitarra), entrega un disco de pop cheo de contrastes, con textos en galego nos que retratan personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais.

Logo da publicación do EP “Señora De” o pasado ano e ser o EP máis valorado do 2016 pola revista Mondosonoro Galicia-Castilla e León, Esposa confirman no seu disco de debut todo ao que apuntaban no seu anterior traballo. Producido por Bobby Perú e gravado no Estudio Terraforma de Ibán Pérez, nel conflúen melodías contaxiosas, arranxos imaxinativos, guitarras e baterías nerviosas contrastando con sintetizadores atmosféricos e inocentes, voces femeninas e masculinas confluíndo en temas eléctricos que recordan a The Velvet Underground e cancións que lembran aos Yo La Tengo máis íntimos.

Esta sexta feira a banda presentará o disco en directo -e en acústico- na Reixa Tenda. E os vindeiros concertos terán lugar o 8 de abril na sala Riquela de Santiago, o 22 do mesmo mes en Ourense e o 18 de maio en Lugo. 

Comentarios