Monumento á "veneración pola palabra"

A espiral da literatura en Compostela

Unha espiral de bolos de granito con versos gravados a ferro. Eis o Xardín das Pedras que Falan, a iniciativa do escritor Suso de Toro asumida polo Concello de Compostela e mais a universidade para crear “un lugar de devoción polas palabras”.

xardín das pedras que falan
photo_camera De esquerda a dereita, o presidente da Fundación Rosalía Anxo Angueira, o alcalde de Compostela Martiño Noriega, o rector saínte da USC Juan Viaño, a concelleira de Cultura Branca Novoneyra, a viúva de Seamus Heaney Marie Heaney e os escritores

Na parte de atrás de Fonseca, a escasos cen metros da Praza do Obradoiro, existe un pequeno xardín. Usualmente estaba pechado. Agora acollerá este monumento que, en palabras de De Toro, quere celebrar “a cidade” e a súa relación coa literatura. “É unha espiral de pedras que irá crecendo e desenvolvéndose”, explica. E en cada unha desas pedras, poemas. Os tres primeiros, de Luz Pozo Garza (Viveiro, 1922), Seamus Heaney (Derry, 1939 – Dublín, 2013) e Rosalía de Castro (Compostela, 1837 – Padrón, 1885).

pedra rosalía

O proxecto dispara en Suso de Toro innúmeras asociacións, vínculos, reflexións. “É literatura para ler alí”, di, “hai que peregrinar para poder lela, na cidade de Rosalía, de Valle-Inclán e das cantigas, nunha cidade literaria e simbólica”. Aínda que o plan é empregar textos inéditos, escritos a pé feito para o Xardín, na apertura hai excepcións: Rosalía de Castro e Heaney.

“Se queremos construír un lugar de veneración polas palabras en Compostela, debemos ter en conta Rosalía”, comenta, “e o caso de Heaney é porque eu consultara a idea con el. Estaba de acordo en participar. Pero morreu antes de vela realizada”. De Toro contactou coa familia, que escolleu o fragmento gravado en Fonseca: “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away” [“A liña que trazou meu pai co seu caxato / en Sandymount Strand / é algo que a marea non dará borrado”]. A súa viúva, Marie Heaney, asistiu ao acto de apertura.

“A literatura pretende duración, transcender o tempo vital. A posteridade é unha preocupación do escritor e o Xardín das Pedras que Falan enlaza con esas cuestións”, engade. “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte”, escribe Pozo Garza. Con deseño de Pepe Barro, a intervención medrará con tres novas achegas antes de fin de ano. A primeira, de Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931).

Nota: imaxe da pedra cos versos de Rosalía de Castro: “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.

Comentarios