Cultura

A esperanza no futuro ilumina o canto guerrilleiro de MJ Pérez

Semella que o novo disco de MJ Pérez, 'A luz prendida', ficou sepultado polo rebumbio da emerxencia sanitaria. Hoxe 'Nós Diario' aproveita para debullalo polo miúdo, en conversa coa cantautora, un álbum que coloca a luz, coas súas diversas connotacións, no centro, para elaborar un coidado periplo cara á esperanza. A ritmo de cumbia ou fado, a proposta explora novos estilos sen perder a esencia comprometida de anteriores traballos.
Retrato de MJ Pérez.
photo_camera Retrato de MJ Pérez.

A luz protagoniza, desde o mesmo título, o último disco da cantautora MJ Pérez, A Luz Prendida, o cuarto álbum e o segundo de estudio. O halo agroma ao longo do traballo en diferentes formas, con sentidos ambivalentes. "A luz é algo que pode axudar a ver certas cousas, mais tamén aparece como o lume", di, que nas múltiples connotacións "pode chegar a queimar ou destruír".

Tal é o seu cometido en "Canción Legüera", onde Pérez chama a lembrar "todo aquilo que ardeu no silencio / cando xa non quede nada para queimar"; ou, coa crueza do abandono, en "Non entendiches nada", que comeza: "se agora arde a casa / e eu ardo con ela, / a ti que máis che dá / pois prendiches a candea" –con ese "todo o tempo do mundo" que se traduce no latexo acelerado da percusión.

Mais sen deixar de lado as caras incómodas, "o transfondo é a luz como algo positivo". Neste senso, sublíñase a idea, recollida no último tema, de que hai "luz  ao lonxe", cara á que camiñamos, pero sen asociala ao alén ou á morte, senón á esperanza do futuro.

"A día de hoxe parece que sacar discos non se leva", comenta Pérez

"A día de hoxe parece que sacar discos non se leva", comenta Pérez. Ante esas tendencias de consumo "bestiais", subxugadas ao fluxo do continuo e inmediato, "lanzar un álbum parece case un erro, porque a xente ou se cansa rápido ou case nin o escoita, que é a sensación que teño eu agora", confesa. Con todo, ela quixo apostar neste formato longo con 15 temas para, como di a canción que dá nome ao proxecto, deixar "prendida a luz" para quen queira achegarse a ela.

Desde a primeira faixa, "Orixe", MJ Pérez recolle a esencia da súa música cun remexido de fragmentos de Guerrilleira, o seu segundo LP. Con este meditado punto de partida, elabora unha viaxe que se entende na unidade, na que a colocación das pezas ten un peso fundamental.

"Eu son cantautora, non hai palabra que escriba ao azar", afirma. De tal maneira, argallou este preludio consciente de que A luz prendida ía supor un cambio importante para o público na concepción da súa música, que continúa a liña de exploración doutros estilos, fóra do rock-pop dos seus inicios, que xa transitou no anterior disco, Casandra.

Así, nunha auténtica declaración de intencións conclúe a peza cunha frase que retoma no último tema: "Hoxe só coa nosa voz non basta". No disco físico, esta sentenza aparece remarcada reclamando a atención sobre a idea de "pasar á acción", algo que en tempos de virtualidade crecente semella un paso ás veces difícil.

Coas bandeiras do compromiso e a sinceridade do íntimo, MJ Pérez vai tecendo delicadamente un coidado periplo no que a continuación se ofrece a frustración de "Coa música a outro lado", un tema que conclúe cun anaco de "Tudo isto é fado", anticipando o xénero do seguinte track: "Vai embora".

Portugal, "teima constante"

A conexión con Portugal é "unha teima constante" para a cantautora. "Para min sempre foi a meta no horizonte", di, coa intención declarada de achegar o seu gran de area para tender pontes coa lusofonía. De facto, hai pouco publicou unha versión de "Perdição", poema de Camões musicado por Amália Rodrigues.

Esta peza supón a primeira dunha pequena colección de covers. A próxima, segundo anticipa a Nós Diario, vai ser de António Variações, a "Canção de engate". Unha oportunidade para coñecermos artistas, crear conexións con pequenas cousas que creen sinerxías.

Gañar a liberdade

MJ Pérez comezou desde a autoedición com Ollos que non ven, síntoma de cegueira. Nesa liña, A Luz Prendida é un álbum autoproducido. "É certo que no camiño me atopo alternativas", confesa Pérez, mais argumenta que decidiu levar ela as rendas deste álbum para "permitirse certas licencias creativas, ou mesmo a nivel lingüístico".

Neste senso, opta por manter lusismos que encaixan coa súa maneira de falar, fóra da norma oficial do galego. "Coa autoprodución gañas en liberdade, pero ao tempo todo está nas túas mans", di, "para ben e para mal".

Aínda que asina e asume o liderado, hai unha conciencia da música como obra colectiva, considerando imprescindíbeis as achegas da equipa que a arroupa: Ailén Kendelman (percusión), Laura Romero (baixo), Iván Bernárdez (guitarra eléctrica), Richi Casás (saxo), María Prado (trompeta) ou Paula López (trombón), entre outras.

Porén, este disco supuxo un paso máis lonxe para Pérez: "Toda a primeira liña de arranxos partiu de min". No proceso de composición, inicialmente o tema é "como o tronco dunha árbore, algo en bruto que despois hai que pulir". Desta volta tratou de facer unha guía do que buscaba para cada instrumento, mais sen fecharse ás posteriores sinerxías coa banda.

Así, por exemplo, "Mariluz" xurdiu de brincadeira para unha personaxe de Elisa e Marcela, obra da Panadaría na que traballaba Kendelman. Logo, cando Pérez decidiu incorporala ao álbum, a percusionista fixo esa proposta do estilo "orquestra dos anos 20" que finalmente se gravou. "Cando chamo a alguén gústame que teña liberdade creativa, aínda que lle dea unha guía. Doutro modo escollería un músico de estudio", explica.

Máis visíbeis

Pérez percibe, nos xa seis anos que leva sobre os palcos, unha evolución da situación da muller na música. "Ao principio, cando me entrevistaban, preguntábanme por Sés", conta, como asociación automática ao ser rapaza e cantautora. Para ela é unha cuestión de visibilidade.

"Ao principio, cando me entrevistaban, preguntábanme por Sés", conta MJ Pérez

Alén das vocalistas, que funcionan decote como imaxe dos proxectos, comezan a enxergarse tamén as instrumentistas, que fican moitas veces na sombra de non ser por iniciativas como Músicas Galegas Ilustradas, de Romero. A propia MJ acusou a ausencia de referentes cos que se identificar, lembrando pensar de cativa "non vallo para a música", porque non se axustaba aos modelos de "minisaia e tacóns" do mainstream da industria.

Aínda que hoxe existen exemplos diversos, "hai moito camiño por andar", denuncia, "e quero pensar que xa se comeza a romper o clixé de que nos chamen ás mulleres só para cumprir porcentaxes". Nesas loitas que fican, a mensaxe entoa clara: "Se miras máis alá de ti / podes ver que hai horizonte / que todo vai máis alá de nós / que hai luz ao lonxe".

Comentarios