A estrea absoluta de 'O espello que arde', de María Lado, e outros pratos fortes do FIOT

A obra 'Déjà vu', de Manolo Alcántara, abre o Programa de Sala nesta primeira fin de semana de outubro do FIOT30. Ademais, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo tamén acolle dúas estreas absolutas na Rúa dos Contos: 'A parábola do angazo', de Talía Teatro e 'Desta sairemos mellores', de Ángela Triana. 
 
'Déjà vu', de Manolo Alcántara abre o Programa de Sala do FIOT de Carballo (Foto: Erin Bassa).
photo_camera 'Déjà vu', de Manolo Alcántara abre o Programa de Sala do FIOT de Carballo (Foto: Erin Bassa).

A 30 edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta a súa primeira fin de semana de outubro con tres estreas absolutas mais coa apertura do Programa de Sala da man da compañía Manolo Alcántara, coa presentación de Déjà vu, a peza gañadora do Feten 2021 á adaptación de técnicas circenses á nova dramaturxia.

Circo, música en directo, teatro de obxectos, monicreques, danza, teatro, clown... conflúen en Déjà vu, unha proposta apta para todos os públicos que se poderá ver no Pazo da Cultura de Carballo a partir das 20.30 horas deste sábado 2.

'O espello que arde', unha función sonora de María Lado

A fin de semana comezará coa estrea absoluta de O espello que arde (esta sexta feira 1 de outubro, ás 19 e 20 horas), o proxecto protagonista da segunda edición do FIOT Fónico, a liña de programación coa que o festival experimenta con novas linguaxes e conxuga as artes escénicas co espazo urbano.

Tal e como explican, o FIOT Fónico procura introducir a propia cidade no teatro a través das posibilidades que ofrecen as novas ferramentas tecnolóxicas. Así, o espazo público de Carballo vólvese protagonista da escenografía con esta peza de trama policíaca que se pode escoitar a través de dispositivos móbiles e que, nesta ocasión, é obra de María Lado.

O espello que arde defínese como unha sorte de spin-off de A lúa, válvula de spray, o espectáculo que abriu o pasado 2020 o FIOT Fónico, e que parte da personaxe de Leo (interpretada por Santi Romay). Unha sucesión de feitos, cunha investigación policial polo medio, conforman a trama desta función sonora de Lado.

A estrea absoluta de O espello que arde, que terá lugar nunha sesión especial na sexta feira 1 ás 19 horas, contará coa participación do director e responsábel do espazo sonoro, Marcos PTT, a autora, María Lado, o director, Quico Cadaval, e algúns dos intérpretes desta experimentación sonora. As funcións desta nova peza do FIOT Fónico terán lugar todas as sexta feiras e sábados de outubro, ás 19 e 20 horas, así como os domingos e festivos do mes (día 12), ás 13 e 19 horas. 

Rúa dos contos

A proposta "máis atrevida e retranqueira" do FIOT, a Rúa dos Contos, contará esta fin de semana con dúas estreas absolutas: Desta sairemos mellores, que Ángela Triana interpretará o 1 de outubro, ás 21 horas, no Espazo Xove de Carballo; e A parábola do anganzo, de Talía Teatro, o sábado 2, ás 22 horas, e o domingo 3, ás 19 horas, no Salón de Actos do Pazo da Cultura.

Comentarios