Nunca Máis e a cultura como elemento mobilizador

O espectro da Burla Negra

Non é doado determinar como os acontecementos históricos inflúen na cultura. Mais facelo, fano. Foi o caso do Prestige e o movemento popular posterior. “Socializou-se a vontade de nos expresar politicamente como umha forma de criaçom cultural”, afirma o escritor Séchu Sende (Padrón, 1972), activista hai 15 anos e activista hoxe. Daquela efervescencia queda un espectro, unha sombra, a experiencia tatuada e as incertezas de se podería repetirse un intre así.
 

na porta da luz salgada 1-2003.jpg
photo_camera Acción na estatua da 'Luz Salgada', en Vilagarcía. Foto: cedida.

“A influência do Prestige sobre a cultura foi percetível basicamente en dous ámbitos”, considera o profesor e ensaísta Isaac Lourido (Ferrol, 1981) vía correo electrónico, “a projeçom social de intelectuais e artistas por um lado, e a diversificaçom ou reconfiguraçom de prácticas artísticas polo outro”. Alén de poemas de combate, narracións ambientadas nos días da catástrofe ou concertos solidarios, que os houbo e abondosos, a cultura -como agoiraban as vangardas históricas- fundiuse coa vida.

Así o lembra Xabier Camba (Vilagarcía de Arousa, 1955), batería dos Resentidos e de Na Lúa, e cabeza visíbel de Burla Negra na Arousa. “Tratábase de non parar, que non cesase, que a cultura fose unha caixa de resonancia e que a resposta ao que sucedía non fose unicamente ir a unha manifestación”, di, “era unha especie de mobilización permanente”. E co cuartel xeral na súa propia casa, onde axudaron a organizar acontecementos tan singulares como o Concerto Expansivo.

Aquela xornada, o 1 de febreiro de 2003, ducias de grupos e bandas en ducias de locais e bares en ducias de localidades de todo o país actuaron a prol da plataforma Nunca Máis. “A dispoñibilidade da xente foi total”, asegura Camba. O que cadra co recordo de Séchu Sende sobre aquel período axitado: “Estou orgulhoso de ter feito cultura junto a milheiros de persoas com um obxectivo: democratizar a sociedade”.

Lourido, sempre atento ás praxes culturais heterodoxas, fala de accións “en geral desantendidas dos critérios de qualidade estética e das convençons da instituiçom artística”: intervencións no espazo público “nom só urbamos”, alteración de códigos artísticos ou “umha representaçom em tempo presente, processual, com resultados efímeros, inclassificáveis”. Cando a Burla Negra -organización lábil de xentes da cultura contrarias á xestión dos gobernos do PP co Prestige- decidiron envolver a estatua Luz Salgada -situada nunha rotonda de entrada á vila- en bandeiras de Nunca Máis non pensaban en imitar ao artista búlgaro Christo. Ou si.

na porta da luz salgada 2-2003.jpg

“Aquilo provocou un tremendo impacto, tamén visual”, relata Camba, “burlabamos as autoridades”. O músico traballaba, e traballa, no ámbito cultural do Concello de Vilagarcía. Dous axentes da Policía Local achegáronse aos activistas que empapelaban a escultura. “Díxenlles que era unha instalación artística e marcharon, un pouco coa mosca detrás da orella”, conta divertido. Nun sentido (artístico) análogo, Sende menciona a Cadea Humana de 50 quilómetros no litoral da Costa da Morte.

Murais, cartaces, faixas, consignas, manifestacións dentro das manifestacións, disfraces ou cancións entran, para Isaac Lourido, dentro do repertorio que axudou a construír un relato de oposición política e social á Xunta de Fraga Iribarne e ao Goberno de Aznar. Ao tempo, engade, non se desactivou a máis convencional figura do intelectual. En diversas variantes: a clásica comprometida, o grupo de traballo en rede, ou aquela que se dilúe “numha dinâmica de participaçom cultural em que importa menos o 'quem' e muito mais o 'que”.

A cultura en pé contra a Burla Negra, como adoitaban proclamar, tamén contribuíu a catalizar a mudanza política a nivel institucional. Para Séchu Sende, é fundamental non esquecelo: “Foi esse movimento social quem botou a Fraga. Marchou morrer a Madrid derrotado polo povo galego mais activo”.

Quince anos despois, o rastro daquela fervura político cultural non resulta doado de apreixar. “É difícil perceber nestes processos causas e consequências nítidas, influências e restos que ficam para o futuro”, entende Lourido, quen pide remitirse ao “ciclo de protesto completo” que enlaza as revoltas contra a Lei Orgánica de Universidades, pasa polo Nunca Máis e o Non á guerra de Iraq e remata nas redes de activistas culturais encadradas no Hai que botalos contra o derradeiro Executivo de Fraga Iribarne. E advirte de que non existe continuidade entre os “repertórios culturais, artísticos ou estéticos, usados para a movimentaçom sócial”.

Xabier Camba non é optimista. Ten sensación de “certa caducidade”. “O artisteo agora non querería involucrarse desa maneira”, considera, “e o cambio de estatus dalgún axuda a saber por que”. Iso si, a bandeira de Nunca Máis -”fascismo nunca máis”, exclama a propósito de certa actualidade- segue a ser a súa. “A bandeira con fondo negro gústame máis que con fondo branco, é a hostia de sincera, para este país de loito”, conclúe cunha miga de sorna.

E, porén, moitos dos métodos empregados polo mundo cultural para protestar contra a catástrofe do petroleiro, e a posterior actuación das administracións, permanece vixente. “En primeiro lugar”, di Lourido, “como fito que pode ser somado a un determinado relato histórico emancipador, com chaves nacionais e de classe, articulado á volta da ideia de dignidade popular”. Algunhas obras literarias, non moitas, colocan tixolos nesa dirección: Veu visitarme o mar (2004), de Rosa Aneiros, O corvo de chapapote (2003), de Luís Rei Núñez, ou Orixe (2004) do propio Séchu Sende.

“Fica a experiência dos logros, os erros e as oportunidades”, resume Sende. Para quen a loita continúa e hai un fío subterráneo -a imaxe da vella toupeira- que une Nunca Máis con “projectos persoais, locais ou nacionais para a mudança do país”. Con aquela nación cultural que emerxeu cando o Estado se esboroou.

Comentarios