domingo 27/09/20
Caderno de Verán

O espectáculo volve ás rúas

O novo circo colle folgos para recuperar o ritmo no mes de agosto logo do parón que supuxo a corentena por mor da COVID-19 e a cancelación de actuacións, festivais, etc. Nun repaso á axenda dos próximos días non pode faltar PistaCatro Produtora de Soños, empresa pioneira na creación, produción e distribución de espectáculos de Novo Circo e Cabaré. A compañía, que se fundou en Compostela en 2006, naceu "cunha dobre finalidade", reza na súa páxina web, "crear e producir os espectáculos individuais e do colectivo e darlle saída as nosas inquietudes e actitudes artísticas ademais de distribuír no mercado galego e internacional". 
Un dos momentos da representación de 'OhLimpiadas' da compañía La Sincro. / La Sincro
Un dos momentos da representación de 'OhLimpiadas' da compañía La Sincro. / La Sincro

Entre a heteroxénea carteira de espectáculos de PistaCatro atópase 'OhLimpiadas' da compañía galega La Sincro e que se repersenta esta tarde no parque de Santa Margarita da Coruña (19 horas). Unha representación que mereceu o Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa da  Feira Europea de Artes Escénicas para nenas e nenos (Fetén) 2019. "Este é o primeiro espectáculo da compañía", comenta Mónica Suárez de La Sincro e por iso "xa foi unha sorpresa que seleccionasen o espectáculo e máis aínda o premio". Do seu paso pola feira destaca a importancia de "darse a coñecer a través dun festival tan importante coma Fetén e contrastar co público que o noso humor absurdo funciona". 


'OhLimpiadas' nace a partir dun número de clown de natación sincronizada e protagonízano dúas limpadoras que soñan que están a participar nos Xogos Olímpicos. "Pretendemos así homenaxear as mulleres deportistas" comenta Mónica "e reflectir, a partir dos roles aos que se supón que están destinadas as mulleres, coma o de limpar, as trabas ás que nos enfrontamos, tamén no deporte". Este espectáculo de La Sincro, ao igual que a maior parte dos que se inclúen en PistaCatro, lévase á escena tanto en salas coma na rúa e adáptase a todos os públicos. 


Ademais de 'OhLimpiadas', nos próximos días poderase gozar conas acrobacias e o humor de 'Nono', 'C'est pas possible' ou a Orquestra de Malabares, que o día 15 retoma a súa xira exterior cunha actuación en Ponferrada e outra na cidade de Soria o día 26 de agosto.

CALENDARIO
Monterrei: 'C'est pa possible' de Sempre Arriba / 14 de agosto / Negueiros / 21.00 h.
Ponferrada: 'Orquesta de Malabares' de PistaCatro / 15 de agosto / Auditorio / 20.30 h.  
Cariño: 'OhLimpiadas' de La Sincro /16 de agosto / Campín / 20.30 h.
Melide: 'OhLimpiadas' de La Sincro / 18 de agosto/ praza do convento / 20.30 h.
Cambados: 'Nono' con Arturo Cobas / 20 de agosto / parque Torrado / 21.00 h.
Soria: 'Orquesta de Malabares' de PistaCatro / 26 de agosto / Palacio de la Audiencia / 19.30 h.
Vilalba: 'Orquesta de Malabares' de PistaCatro / 31 de agosto / Festas de San Ramón

comentarios