Espazos sonoros volve abrir con música o noso patrimonio

Cun concerto do grupo LaReverdie na que foi colexiata de Baiona bota a andar o festival Espazos Sonoros que ese desenvolverá do día 14 de setembro a 26 de outubro. 

Espazos Sonoros
photo_camera Espazos Sonoros

O patrimonio histórico convértese, xa na súa sétima edición, no escenario dos concertos do Festival Espazos Sonoros que abre con concertos e outras actividades lugares monumentais e de singular riqueza cunha proposta musical de calidade. Bota a andar o vindeiro 14 de setembro en Baiona na que fora colexiata e hoxe é igrexa de Santa María co concerto inaugural do grupo italiano LaReverdie coa interpretación dun repertorio arredor das representacións musicais do medievo da figura da muller. Comeza así un intenso programa que se prolongará até o vindeiro 26 de outubro. 

Como en anteriores edicións, Espazos Sonoros, dirixido por Belén Bermejo, continúa fiel aos seus obxectivos de “fomento da creación musical en Galicia, de creación e formación de novos públicos para a música e de fomento do coñecemento e aprezo polo patrimonio”. 

 No programa musical, inclúese a presenza do tenor anglo-italiano Marco Beasley que intervirá o 11 de outubro en San Vicente de Pombeiro canda os músicos Fabio Accurso e Stefano Rocco cun repertorio de música renacentista e tradicional do Sul de Italia, o organista Marco Aurélio Brescia, o cantautor Xoán Curiel, o cuarteto de saxofóns Skirion, o dúo de Mercedes Hernández e Fernando Reyes ou o grupo Doa. A danza contemporánea ten tamén presenza no programa desta edición co proxecto Voltage Opposites e coa estrea dun espectáculo do coro E Ultreia e os Menestreis de 1500 arredor da música do santuario de Abades en Silleda, nunha xornada que incluirá tamén un roteiro polo baixo Deza. 

Roteiros e obradoiros

Canda os concertos, a programación do festival inclúe actividades paralelas como a rolda pola paisaxe organística galega, visitas guiadas, xornadas de roteiros, un obradoiro de organería para crianzas e outro de achegamento á música antiga para todos os públicos. 

Abrir as portas do patrimonio en espazos singulares que non adoitan acoller programación cultural é outra das singularidades dun programa que nesta nova edición dirixirase ao poboado mineiro do Fontao, en Vila de Cruces ou outros como Santa Mariña de Augas Santas ou San Pedro de Rochas. 

O grupo laReverdie converteuse nun referente da recuperación e interpretación de música medieval vocal e instrumental e no seu concerto de Baiona contarán coa singularidade da instalación lumínica de Arturo Álvarez coa súa lámpada Bety. 

A información completa do programa e actividades está ao dispor na páxina web do festival e para participar nas actividades paralelas compre anotarse no correo electrónico  [email protected].

Comentarios