'Espazos roubados', unha exposición para avanzar, camiño da "revolución feminista"

A mostra da obra de Isabel Blanco, que acolle a sede da Deputación en Vigo, fecha o 7 de xaneiro. O proxecto amosa os espazos, ámbitos e profesións con menor presenza das mulleres.
Visita guiada pola mostra sobre a muller. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Visita guiada pola mostra sobre a muller. (Foto: Nós Diario)

Tras as reivindicacións nas rúas do 25-N, é un bo momento para camiñar cara á reflexión e a "revolución feminista" cunha proposta que fornece visibilidade a esas mulleres invisíbeis -ou case- en profesións ou contextos supostamente máis acaídos para os homes. En "Espazos roubados. Subversión!" a artista Isabel Blanco reivindica novos territorios por gañar de forma masiva para as mulleres. 

A exposición, que permanecerá aberta até o próximo 7 de xaneiro na sala Rosalía da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, relata a través de manequíns femininos os espazos que quedan por conquistar. 

Ataviados con distintas roupas e acompañados quer por imaxes, quer por datos obxectivos, estes elementos apuntan a un problema social: a ausencia ou escasa participación das mulleres en profesións ou especialidades como a robótica, a construción, o fútbol americano, a tecnoloxía...

Blanco sitúa 13 representacións das mulleres, inmóbeis, tamén en escenarios como poden ser a astronáutica, a aviación comercial -aos mandos dos avións- ou directoras de orquestras. É máis, na presentación oficial desta iniciativa tamén repararon naquelas mulleres políticas, brigadistas para a extinción dos incendios e mecánicas. 

Con este proxecto artístico e reivindicativo, a autora pretende evidenciar aqueles espazos roubados aos que é difícil chegar por "teitos de cristal e chans pegañentos que se nos impoñen no eido profesional, laboral e intelectual". Así o explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que asistiu á apertura oficial. 

As intervencións sonoras e as cifras reforzan a estratexia, convidan a todo tipo de públicos ao pensamento crítico sobre a evolución cultural e quizais impulsan máis esa "revolución social" e a conquista dunha igualdade real.

Por exemplo, as persoas asistentes poderán comprobar como na construción só hai un 8% de operarias e o persoal investigador en intelixencia artificial do xénero feminino só representa un 19%. Aliás, amósase o exemplo do fútbol americano e da "vergoñenta" Extreme Footboll League, unha competición na que "as xogadoras van en roupa interior cun formato sexualizado".

Ante isto, como sinalou Silva, "o feminismo impulsou a única revolución social triunfante no século XX, a única capaz de transformar efectivamente a vida das persoas".

Comentarios