Espazos da literatura galega

A literatura ten o poder de transportar os lectores e lectoras a calquera lugar mediante as palabras. Mais non todo na literatura é ficción. Moitos dos espazos que aparecen nas novelas son reais e poden visitarse seguindo a historia que lles deu vida a través dos roteiros literarios. 
Escultura de Jules Verne, 
en Vigo (Foto: Wikimedia).
photo_camera Escultura de Jules Verne, en Vigo (Foto: Wikimedia).

Ao falar do Ulises de Joyce é case imposíbel non pensar na cidade de Dublín; o mesmo ocorre co París de Rayuela ou a Verona na que Romeo e Xulieta se namoran contra o desexo das súas familias. A literatura ten o poder de transportar os lectores e lectoras aos lugares nos que se ambientan as historias. Ás veces eses lugares non existen pero, unha vez rematada a lectura, semellan tan reais como as personaxes que neles habitan. Ou non foi certa a chegada de Úrsula Iguarán e José Arcadio Buendía ás terras de Macondo? …Ou as andanzas do mago Merlín na terra de Miranda?

Ás veces eses lugares non existen pero semellan tan reais como as personaxes que neles habitan.

Podemos visualizar o reino de Camelot, o País das Marabillas ou a Illa de Liliput aínda que non haxa lugar no mundo que se lles pareza. A literatura traza a imaxe que inconscientemente temos dos sitios que se narran mais tamén de todos os elementos que destes dependen, como a vila de Davos, na Suíza, na que o tempo se estira como unha goma impedindo o seu avance, tal como o expresou Thomas Mann en A Montaña máxica. Noutras ocasións, a propia localización funciona como un personaxe máis que se move, que cambia e que evoluciona, como a cidade de Oviedo transmutada na Vetusta clariniana. Segundo Asunción Rallo Gruss, catedrática de Literatura, "a cidade literaria debe ter referentes reais pero tamén asumir escenarios que configuren a súa identidade espacial e temporal, correspondentes aos personaxes e á trama".

As circunstancias históricas da Galiza converteron a nosa literatura nunha literatura de resistencia

Á Galiza pódese chegar a través das súas paisaxes, da gastronomía, da música, da xente... mais tamén a través da lingua que criou unha feraz e centenaria literatura. Como noutros lares, aquí tamén a arte da palabra provocou que ao longo dos anos fosen aparecendo diversas rutas literarias a través do territorio. As circunstancias históricas da Galiza converteron a nosa literatura nunha literatura de resistencia, polo que xa desde as cantigas medievais, mais sobre todo desde o Rexurdimento atopamos a nosa paisaxe e a nosa idiosincrasia retratadas literariamente.

O costumismo decimonómico encheu páxinas describindo cantares, costumes e falares de todos os recunchos do país. Chegado o século XX, desde o mar vangardista de Manuel Antonio, ou o Rianxo que Castelao debuxou por detrás de Peito de Lobo, ou o Mondoñedo cunqueiriano, pasando polo Ourense da Esmorga ou a Compostela de Ferrín até chegar ao Vigo finisecular.

Comentarios