As asociacións AÏS e Alexandre Bóveda lanzan 'Lenzos e partituras'

Os espazos de arte afrontan o feche coa oferta en liña das súas exposicións

AÏS e A. C. Alexandre Bóveda anunciaron hoxe a súa colaboración, co apoio da Deputación da Coruña, para pór en marcha novas canles para a divulgación da arte que permitan superar este novo fechamento.
FOTO 4 VILASECO
photo_camera O percusionista Noè Rodrigo Gisbert na Galería Vilaseco. (Foto: Xurxo Gómez-Chao)

As asociacións culturais coruñesas AÏS e Alexandre Bóveda anunciaron esta cuarta feira a súa colaboración, co apoio da Deputación da Coruña, para construír novas canles de divulgación coa fin de achegar aos fogares o potencial creativo que acubilla a cidade.

“Agora que coas novas restricións os espazos están completamente fechados, o ciclo cobra un novo sentido”, comunican.

Deste modo botou a andar no día de hoxe o ciclo Lenzos e partituras, un proxecto en liña que visita diferentes salas da cidade e estabelece diálogos entre a arte plástica e a música, que logo se retransmiten a través da canle de YouTube da Asociación Cultural AÏS.

A primeira das pezas do ciclo ten como protagonista a Galería Vilaseco, onde o público pode coñecer Míriam Pérez, directora deste espazo cultural multidisciplinar do centro da cidade, e que acolle esta tempada a exposición O desencanto, do artista Teo Soriano.

Neste diálogo entre arte e música, o percusionista Noè Rodrigo Gisbert “anega a sala cun maremoto sonoro, intenso como a obra de Soriano”, explican.

Nun solo de percusión, Soriano interpreta Psappha, do compositor Iannis Xenakis, con guión da actriz Chus Álvarez e locución dirixida Hugo Gómez-Chao.

Na canle de YouTube de AÏS están dispoñíbeis outras cinco pezas de Lenzos e partituras, que se retransmitiron cada cuarta feira desde o pasado 9 de decembro até o 6 de xaneiro.

Nelas pódense gozar as visitas a mostras de salas como a galería Moret Art, coa obra de Xurxo Gómez-Chao, ou exposicións colectivas como Un mundo que sofre baixo un manto de flores no Palexco, e tamén estudos de artistas como Emile Gireau, Iria do Castelo ou Yolanda Dorda.

Os museos lugueses tamén se unen ao contido en liña

A Rede Museística de Lugo iniciou esta cuarta feira un proxecto pensado para todos os públicos con relatos, ao vivo, a través de Facebook.

Así, pretenden manter activo o seu labor de divulgación da arte e do patrimonio a pesar de estar fechados por mor da Covid-19.

Esta proposta inclúe parladoiros, escape rooms, obradoiros e xogos para levar as persoas usuarias a coñecer as diferentes coleccións e salas dos museos.

Unha programación que terá lugar todos os días ás 17 horas e que se distribuirá nas terzas e quintas feiras e sábados, no Museo de Lugo; as cuartas feiras no Museo do Mar de San Cibrao (Cervo); as sextas feiras no Museo Pazo de Tor, de Monforte; e os domingos no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol. 

Comentarios