Espazo Lectura suspende actividades por diferenzas co Concello de Gondomar

A asociación de referencia na promoción da lectura en Galiza, Espazo Lectura, vén de anunciar que suspende definitivamente todas as actividades na biblioteca municipal de Gondomar por diferenza co Concello desta locaidade. 

espazolectura
photo_camera Contacontos na Biblioteca Municipal organizado por Espazo Lectura

Así o informaba esta asociación onte na súa páxina web e no seu Facebook, aínda que a decisión foi tomada o pasado 6 de maio na asemblea xeral extraordinaria desta asociación, onde se tomou o acordo de "suspender todas as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito de 5.000 euros que o Concello de Gondomar destinaba a pagar as actuacións e visitas dos escritores e escritoras contratados pola asociación para levar a cabo a programación da biblioteca".

Os problemas comezaron, segundo o comunicado publicado por Espazo Lectura na súa propia web, desde a entrada do novo Goberno de Gondomar hai dous anos, capitaneado polo seu alcalde Francisco Ferreiro (PSOE). Desde entón, segundo denuncian, "Espazo Lectura pasou a depender, coma se fose unha pataca quente, de catro concelleiros distintos, incluído o propio alcalde".

Espazo Lectura continuará a desenvolver o seu labor de dinamización e fomento da lectura, especialmente na Casa da Lectura 

Esta actitude rompe, segundo a asociación, con 12 anos de traballo voluntarista no que Espazo Lectura se convertiu nunha referenza en todo o país. "Fixemos todo o posible por recuperar o diálogo", din, pero non foi posible e toman esta decisión logo de que "este 25 de maio rematou o prazo de cortesía sen que, lamentablemente, o alcalde Paco Ferreira mostrase ningunha vontade de recuperar o diálogo logo de dous meses de conflito".

A outros lugares

Iso, si, Espazo Lectura continuará a desenvolver con normalidade o seu labor de dinamización e fomento da lectura, especialmente na Casa da Lectura, onde a asociación creou ao longo de todos estes anos unha biblioteca moderna e funcional aberta ao público e onde ten a súa sede. Tamén afirman no comunicado que "se buscarán outros espazos alternativos que serán anunciados no seu momento". Coma sempre, a todas as actividades de Espazo Lectura poden acudir, de xeito libre e gratuito, as persoas que o desexen, sexan ou non socios e socias da nosa entidade.

Verbo do futuro das actividades da asociación, asumen que a nova situación "supón un cambio importante e Espazo Lectura precisará, a partir deste momento, recalcular e redimensionar o seu perfil, buscar novas vías de financiamento e realizar mudanzas orgánicas que faciliten o seu labor e a supervivencia activa das súas actividades".

Comentarios