Espallar cultura galega nas redes sociais como exercicio práctico na universidade

Algunhas veces a docencia sae á rúa e participa do que acontece nela. É o caso desta iniciativa que, en forma de exercicio práctico en tempos de confinamento, propuxeron na materia Teoría e Práctica das Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.
comparte cultura
photo_camera Unha das propostas do exercicio nunha das páxinas de Facebook era enviar unha fotografía.

Apoiar facilitando a visibilidade da nosa cultura a través das redes sociais é un método sinxelo, económico e efectivo de estar cun sector que precisa máis que nunca que non nos esquezamos  de que está aí. Esta mesma idea foi a que tiveron Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o profesor José Manuel López, responsábeis da materia Teoría e Práctica das Relacións Públicas, para propoñerlle ao seu alumnado un exercicio práctico.   

A resistencia da cultura nas redes sociais

O propio sector da cultura galega empregou o pasado mes de abril as redes sociais para lanzar un berro de socorro baixo o cancelo #NonNosCanceles. Expresaban o seu temor a un futuro incerto ao tempo que lles servía para reclamar medidas por parte das institucións.

O exercicio que puxeron en práctica na Universidade de Vigo foi máis alá e obrigou ao alumnado a procurar recursos e difundilos cos seus propios medios. Xosé Baamonde explica que a actividade non presencial tivo como obxectivo "que o alumnado mellorara as súas competencias na xestión da comunicación" a través das redes sociais, á vez que pode servir de apoio ás iniciativas postas en marcha polos profesionais dun sector "que vai ser dos máis afectados pola crise".

Apoiar estas campañas e dar visibilidade á cultura galega son os dous obxectivos da iniciativa que, como exercicio práctico para unha das materias do grao, levan a cabo máis dun cento de alumnos e alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas, facendo uso do cancelo #ComparteCulturaGalega.

O propio Baamonde sinala que con esta iniciativa docente "trátase de apoiar a campaña para que as Administracións manteñan as actividades culturais e apoien o sector para impedir o seu desmantelamento por culpa da COVID-19". 

O exercicio práctico

A proposta docente para esta materia non presencial, na que participan case cen alumnas e alumnos, consiste en que realicen, ao longo deste mes, accións nas principais redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram), empregando o cancelo proposto. A actividade fomenta o coñecemento do propio sector cultural galego ao "dar visibilidade á cultura galega, recomendando webs, medios en galego, grupos musicais ou series", explica Baamonde, para quen "o pobo galego existe porque temos un idioma e unha cultura propia e a responsabilidade da súa conservación".

Nestas semanas, asegura, a resposta do seu alumnado foi "moi positiva", de tal maneira que "está dando a coñecer múltiples alternativas culturais" ao tempo que "se demostra que hai unha mocidade implicada no futuro da nosa lingua". 

Buscar cultura galega

Neste exercicio práctico, ademais de crear un perfil nas plataformas, o alumnado tiña que procurar contidos e escoller que poñer en cada unha das redes sociais. Unha das estudantes que realizou esta práctica, Helena Bengoa, explica a Nós Diario que lle permitiu "o uso do galego, algo que non é moi frecuente da Universidade". Asegura que descubriu e aprendeu moito da realidade cultural do país. "Algúns recursos xa os coñecía e outros, como o caso do grupo Tanxugueiras, foi unha descuberta a partir deste traballo", relata.

"Escollía os contidos en relación coa rede a empregar", afirma esta estudante, "por exemplo, escollía falar dos museos para un público máis maduro como pode ser o de Facebook e en Instagram, onde están as miñas amizades, falaba de músicas ou series de actualidade". Unha das conclusións ás que chegou foi que hai sectores onde a lingua galega está máis débil. "Cando me puxen a facer promoción do cinema en galego decateime de que moitas iniciativas non se levaron a cabo na nosa lingua", sinala, "por exemplo a película Elisa e Marcela ou a serie Fariña, ambas as dúas agora na plataforma Netflix non se poden escoitar en galego". No caso da música tamén botou en falta o uso do galego en moitas formacións musicais. "Aínda hai moitos grupos que non cantan na nosa lingua", asegura.

Implicou case cen estudantes

Música, cinema, teatro, museos, literatura son algúns dos apartados que aínda se poden ver nas contas abertas polo alumnado de Teoría e Práctica das Relacións Públicas. Contas en Facebook, Twitter e Instagram con nomes tan suxerentes como "Arriba o pano", "Un xeito de ser", "Non esquezas a túa orixe", "O son dos galegos" ou "Prende Galicia" coas que difundir desde novidades editoriais ou críticas cinematográficas até visitas a museos do país ou bandas deseñadas. Case un cento de estudantes participaron na experiencia como traballo da materia Teoría e Práctica das Relacións Públicas na que ao tempo que difundían propostas culturais descubrían unha parte delas que lles eran descoñecidas.

Comentarios