'A Esmorga' sae en DVD e comeza o seu periplo internacional

O 20 de novembro sae á venda en DVD 'A Esmorga', xusto un ano despois de estrearse nas salas e logo de bater todos os récords dun filme en galego, con máis de 150.000 espectadores. 

Morris e Ignacio Vilar
photo_camera Morris e Ignacio Vilar

'A Esmorga' aínda vive, reivindica o seu director Ignacio Vilar, que está a preparar unha ambiciosa campaña de promoción do DVD para este Nadal, con xira por todas as cidades galegos e cos tres actores principais (Miguel de Lira, Karra Elejalde e Morris) asinando exemplares. 

O día de saída é o 20 de novembro, un ano despois da estrea nas salas comerciais, nas que acadaron uns 80.000 espectadores, para logo emprender un camiño alternativo por todos os concellos do país, chegando a un total de 150.000. “Eu non estou de acordo con que sexa alternativo”, quéixase Vilar, “o sistema cepilla as salas de cine das cidades, así que nós temos que crear as nosas propias salas. Estas proxeccións son comercialísimas: a xente paga 5 euros.  É cine comercial puro e duro, que non o recoñeza o ICAA (Instituto de Cinematografía y Artes Audiovisuales) é unha batalla que temos que comezar a dar. Se o sistema nos quita os cines, temos que montalos nós, non queda outra”. 

O filme en galego máis visto da historia continúa entón o seu percorrido polas vilas galegas, queda a emisión na TVG e en TVE, pero tamén vén de iniciar o seu periplo internacional logo do seu éxito no Festival de Toulouse. “Imos pechar Francia, vai empezar Arxentina, Uruguai... Agora empeza a parte internacional, que pode ser grande”, anuncia o director. 

O mes pasado en Toulouse 'A Esmorga' acadou o premio ao mellor director, mellor interpretación masculina ex aequo e mellor dirección de fotografía. “Competimos con 80 filmes, e que un xurado de profesionais nos deran eses premios para nós é un recoñecemento ao noso cine, e ademais houbo sesións para o público con 400 persoas. O coloquio, por exemplo, foi impresionante, ver como as nosas historias chegan aos franceses, e vían que é un cine diferente e logo mesmo houbo un espectador que comparou os tres personaxes con Baudelaire, Verlaine e Rimbaud, os tres grandes poetas que Blanco Amor coñecía moi ben”.

Mais, alén dos recoñecementos, Ignacio Vilar cre que o cerne do éxito foi grazas a que “empezamos nos cines apoiados por tantos espectadores galegos, iso foi un pulo fundamental para que a película se espallase por Madrid, Cataluña, País Vasco...”

Sicixia

Con este filme aínda vivo e coleando, Vilar xa comezou este verán a rodaxe de 'Sicixia', o seu novo proxecto que estará protagonizado por Monti Castiñeiras, Marta Lado e Tamara Canosa. Esta nova fita ten como principal escenario a Costa da Morte, con imaxes da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada). A rodaxe prolongarase até abril de 2016 e realizarase en formato dixital. 

O título do seu novo traballo provén dun temo de astronomía que nomea a posición na que os centros do Sol, a Terra e a Lúa están en liña recta. Narra a historia de amor entre Xiao, un enxeñeiro de son que percorre espazos singulares de Galiza para gravar os seus sons, e Olalla, unha muller que traballa na colleita de algas na Costa da Morte. 

Comentarios