A Esmorga irrompe en Madrid e Barcelona

En versión orixinal en galego con subtítulos en español, o filme en galego máis visto da nosa historia do cine chega agora a Madrid e Barcelona. Como aconteceu nas estreas galegas, o director Ignacio Vilar promove unha ampla campaña para dar a coñecer a película que levou ao cine a novela de Blanco Amor. 

esmorgamadrid

 

Xa no avión que o levaba a Madrid, o director Ignacio Vilar non desaproveitou a ocasión de convidar a todas as persoas que compartían o mesmo voo a ver A Esmorga nas salas comerciais da capital española. Despois de ter percorrido todo o país promocionando con grande suceso de público A Esmorga, Vilar chega agora a Madrid onde participará na preestrea deste 30 de abril antes de que o vindeiro 5 de maio faga o mesmo en Barcelona como anticipo a presenza da película en salas comerciais a partir do 8 de maio. 

Mais Ignacio Vilar non estará só nestas novas presentacións de A Esmorga. Os tres protagonistas Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde, acompañarano nos actos que terán lugar nos Cines Renoir-Princesa de Madrid (22.00 h) e nos Cinemes Girona de Barcelona (21.00 h).

Canda a equipa da película, en Madrid confirmaron a asistencia á preestrea Xosé Lois González “Carrabouxo”, Iñaki Guevara, Secretario Gral. Unión de Actores, Javier Gutiérrez, Sergio Pazos, Javier Veiga, Berta Ojea, Francis Lorenzo, Rubén Riós, Inma del Moral, Sergio Peris-Mencheta, Sara Ballesteros, Willy García e Aitor Mazo ademais do Director da Casa de Galicia, Ramón Ónega 

O filme estrearase en salas comerciais de Madrid, Barcelona, L’Hospitalet de Llobregat, Bilbao, Vitoria, Portugalete, Barakaldo, Pamplona e Palma de Mallorca cunha ampla campaña promocional. 

Comentarios