“A Esmorga” inaugura o Festival de Cine de Ourense

A de A Esmorga, de Ignacio Vilar, é unha das estreas galegas máis agardadas dos últimos anos. O primeiro pase público xa ten data. Será na inauguración do Festival de Cine Internacional de Ourense o vindeiro 15 de novembro.

Imaxe do remate publicada por Ignacio Vilar
photo_camera Imaxe do remate publicada por Ignacio Vilar

En Ourense, a cidade pola que transcorre a novela de Blanco Amor, terá lugar o vindeiro 15 de novembro a estrea de A Esmorga, o agardado filme de Ignacio Vilar protagonizado por Miguel de Lira, Antonio Durán, Morris e Karra Elejalde. Será na inauguración da 19 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, unha semana antes de que a película chegue ás salas de cine comerciais. 

Ambientada na cidade de Ourense, A Esmorga está considerada unha das novelas máis sólidas da historia da literatura galega e conta xa cunha versión cinematográfica en español ademais de ter sido levada ao teatro con grande éxito pola compañía Sarabela. Cibrán, o Bocas e o Milhomes viven unha noite de troula polas rúas de Ourense, nunha esmorga adubada pola bebida na que visitan tabernas e antros da noite. A Praza do Ferro, a Praza Maior, a capela do Santo Cristo ou o Casco Vello da cidade son algúns dos escenarios da película, para a que se rodaron escenas tamén na taberna A Papuxa de Ribadavia. 

Producida por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia, o proxecto naceu hai seis anos mais foi no mes de febreiro cando se iniciou a súa rodaxe. O día 30 deste mes de agosto, o seu director Ignacio Vilar -autor de filmes como Pradolongo e Vilamor- anunciaba na rede social facebook o fin da película despois dun ano de localizacións, rodaxe, montaxe e mesturas.

Comentarios