FAISE CON TRES PREMIOS

“A Esmorga”, a gran triunfadora do festival de Toulouse

Ignacio Vilar obtén o premio ao mellor director e Antonio Durán “Morris”, Karra Elejalde e Miguel de Lira son recoñecidos ex aequo como mellor interpretación masculina. “A Esmorga” tamén obtén o premio á mellor fotografía.

A Esmorga Toulouse
photo_camera A Esmorga Toulouse

A Esmorga volve para Galiza con novos premios ás súas costas. E é que a película de Ignacio Vilar vén de trunfar na vixésimo edición do festival de Toulouse ao facerse co premio ao mellor director, á mellor interpretación masculina –premio  partillado entre “Morris”, Karra Elejalde e Miguel de Lira- e á mellor fotografía a Diego Romero Suárez. Na gala de clausura, que tivo lugar onte, a fita que leva ao cine a novela de Eduardo Blanco Amor resultou a máis galardoada, ao facerse con estes tres premios.

O premio ao mellor director foi creado ad hoc na presente edición do festival de Toulouse en recoñecemento ao traballo de Ignacio Vilar. O presidente do xurado, o francés Yves Boisset, cualificou A Esmorga como “un filme orixinal a todas luces e, particularmente, desde o punto de vista da dirección”. Salientou o labor do director galego como “un traballo excepcional, onde a mirada do cineasta vai máis alá da historia” e puxo de manifesto que “a dirección deste filme traduce unha poesía e un imaxinario pouco común e reflectido na gran pantalla”.

A Esmorga, seleccionada entre as sete mellores longametraxes

A fita galega competía neste festival, cunha programación centrada en producións do Estado español, xunto con 80 películas, entre elas as laureadas Loreak ou Felices 100, precandidatas estatais aos Óscar. A Esmorga resultou seleccionada entre as sete mellores longametraxes da presente edición do festival. A Violette d’Or á mellor película recaeu en A cambio de nada, de Daniel Guzmán, galardón que en 2014 recibiu ärtico, de Gabriel Velázquez.

O xurado da XXª edición do Festival Cinespaña de Toulouse está presidido por Yves Boisset e componse de recoñecidas persoas profesionais do cinema galo.

Comentarios