A Esmorga bota a andar a campaña “de ti a ti” na busca de público

De ti a ti, co equipo volcado na promoción a película, A Esmorga inicia unha semana de intensa actividade de cara a encher as salas de cine a partir do vindeiro 21 de novembro. 

Presentación en Santiago
photo_camera Presentación en Santiago

Quedan cinco días e Ignacio Vilar e a súa equipa inician unha apertada axenda para promocionar a A Esmorga até a sexta feira día 21 na que a película chegará, de maneira singular, a todas as salas de cine do país, das cidades e tamén as que quedan nas vilas. 

O director, Ignacio Vilar, repite como unha ladaíña que esa primeira fin de semana é fundamental para o futuro comercial da película e así llo fai saber aos seus tres protagonistas, un Miguel de Lira, Antonio Durán, “Morris” e Karra Elejalde que participaban na mañá desta segunda feira nun encontro co estudantado na Facultade de Xornalismo de Santiago. 

“Na Esmorga traballaron arredor de duascentas persoas durante tres meses. É unha riqueza e compre saber que o cine galego significa tamén postos de traballo”, destacou Ignacio Vilar nun auditorio composto maiormente por estudantes de xornalismo a quen convidou a ir ás salas de cine e se comprometeren co cine galego e coa película rodada na  nosa lingua con maior promoción da historia. 

Obra colectiva

Tres grandes actores acompañaban a Vilar na presentación de Santiago, como o farán noutras que se van desenvolver nesta semana ao longo do país. Son tres mais poderían ser máis. Morris fixo, por iso, unha defensa de todo o reparto, da obra colectiva que fai a película e que, á marxe deses tres protagonismos estelares, ten nun amplo elenco un dos seus valores artísticos. “Foi un proceso de creación colectiva, participativa, que me levou a outros tempos do teatro. Coñecémonos na guerra e deuse unha circunstancia especial, unha implicación forte de todo o equipo”, dixo Morris. Ao discurso do director o actor engadiu unha das razóns fundamentais para convidar ao público a ir ás salas: “Que vaian ao cine porque esta é unha grandísima película e moi ambiciosa, sen complexos”. 

Contra a opa hostil

O actor vasco Karra Elejalde lembrou o difícil proceso de traballo e anotou que as caras de sufrimento do cartel non son finxidas, “estaba pasando”, dixo. Agradeceu que o deixasen probar ser “un galego máis do proxecto” e incidiu na mensaxe do director. “Non é xa necesario só que a película funcione, ten que funcionar a nivel da opa hostil das películas americanas”, engadiu. 

Rodada en galego, a de maior promoción, a máis ambiciosa, cos dereitos da TVE mercados e... nos cines das vilas. Nese encontro co público, A Esmorga estrearase en todas as salas comerciais do país, feito que destacou o actor Miguel de Lira. “Novidade tamén é a maneira de distribuír a película. Ignacio é pioneiro en levar as películas de instituto a instituto, entre outras promocións, e neste caso a película irá non só ás grandes cidades -onde raramente se ve unha película española ou galega- senón tamén a Cee ou Narón, a todos os cines das vilas que é unha sorte que podan permanecer”, apuntou de Lira. 

Comentarios