“A Esmorga” atravesa fronteiras

Tamén galego e en versión subtitulada, A Esmorga estrease esta sexta feira en salas comerciais de Madrid, Catalunya, Euskadi, Pamplona e Palma de Mallorca. 

 

aesmorga

Desde esta sexta feira, día 8 de maio, o filme de Ignacio Vilar que leva ás pantallas grandes a novela de Blanco Amor, A Esmorga (Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG) poderase ver en cines comerciais de Madrid, Catalunya, Euskadi, Pamplona e Palma de Mallorca. 

A Esmorga atravesa as fronteiras do territorio galego co aval de máis de 60.000 entradas vendidas, 15 semanas en carteleira, 1 nominación aos Goya polo guión e 6 Premios Mestre Mateo. Para a estrea fóra da Galiza, a película acompáñase dunha campaña de promoción coa presenza do director, Ignacio Vilar, ademais dos actores protagonistas, Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris”, que participaron nos actos que tiveron lugar en Madrid os días 29 e 30 de abril e o 5 de maio en Barcelona. 

Blanco Amor en español

Ao tempo que o filme saía por vez primeira da Galiza, a Editorial Galaxia distribuía na súa Colección Mar Maior a tradución da novela de Blanco Amor en tradución ao español, nunha edición que conta cun limiar de Manuel Rivas, presente canda Pilar Sampil na presentación de Madrid. En Barcelona foi o escritor e representante de Galaxia, Francisco Castro o que se encargou da presentación do libro. 

Comentarios