“A Esmorga” activa a web á espera da estrea da película

O vindeiro 21 de novembro A Esmorga chegará ás salas comerciais do país. Até daquela, toda a información sobre o filme dirixido por Ignacio Vilar circulará polo web que veñen de activar. 

Imaxe do remate publicada por Ignacio Vilar
photo_camera Imaxe do remate publicada por Ignacio Vilar

A Esmorga será preestreada o vindeiro 15 de novembro, no Festival de Cine Internacional de Ourense, cidade que foi escenario da rodaxe e marco da novela de Blanco Amor que Ignacio Vilar leva agora á pantalla grande. Seis días despois, o 21 de novembro, chegará ao público nas salas comerciais do país mais, até que iso aconteza, toda a información sobre a película máis agardada do ano de produción galega estará ao dispor na páxina web que veñen de activar  www.aesmorgafilme.com

Catro anos de preparación e un de busca de localizacións, fan do filme un proxecto de longo percorrido que Ignacio Vilar pon en circulación o día 21 con 50 copias, 25 en formato cine e 25 en formato blue ray. Esta información máis outras novidades pódense consultar na súa páxina web que nos achegará a sinopse, aos personaxes e intérpretes, equipo técnico e todo o que se vaia falando da película desde agora até a súa circulación polas salas. Informan, por exemplo, de que os carteis chegaron xa ás salas de cine, creando ambiente para a pronta estrea dunha das poucas películas que se proxectará en pantallas comerciais e que foi gravada en galego. 

Comentarios