A Esmorga acompaña a Caxade no festival de linguas minoritarias de Udine

Onte comezou en Udine Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias, que bota a andar cunha mostra de cinema en linguas minoritarias. E A Esmorga é a fita que representa a Galiza. Será exhibida mañá sexta feira.

aesmorga
photo_camera A Esmorga

O multipremiado filme de Ignacio Vilar, que se encontra en pleno proceso de expansión internacional, poderá verse xunto con moitas outras películas en linguas minoritarias europeas como a vasca Loreak e outras procedentes de Gales, Occitania, Cataluña ou o Friul. 

Trátase da primeira edición do Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Aquel era soamente un concurso de cancións, pero coa nova sede e organización -levada adiante por friulanos, sardos e ladinos- ampliouse tamén á literatura e á música. A mostra de literatura terá lugar do 3 ao 6 de decembro. 

No que á música respecta Caxade será o representante galego no Suns Europe, que terá lugar o 11 de decembro. Alí competirá con outras oito bandas entre as que se encontran propostas vascas, bretoas, occitanas e frisoas. A gañadora levará un premio de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos. 

Comentarios