Esixen á CRTVG que cumpra a lei e dea visibilidade ao patrimonio

A Rede do Patrimonio Cultural lanza a campaña #QueSeVexaOPatrimonio e lembra que durante os últimos 35 anos non houbo ningún programa que se ocupase especificamente de divulgar o patrimonio material e inmaterial.

Cartela da campaña "Que se vexa o patrimonio".
photo_camera Cartela da campaña "Que se vexa o Patrimonio".

A Rede do Patrimonio Cultural, que agrupa desde xuño de 2017 ás asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural, vén de lanzar a campaña “Que se vexa o Patrimonio” na que se dirixe a Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) para esixirlle que cumpra coa lei e atenda este ámbito cultural. A Rede apela aos mandatos tanto da Lei de Creación da CRTVG (de 1984) como aos do Estatuto de autonomía.

E denuncia que durante os últimos 35 anos non houbo ningún programa que se ocupase especificamente de divulgar o patrimonio material e inmaterial de Galiza, “quedando este relegado a micro- espazos dentro de programas culturais e informativos onde se daba conta de eventos relacionados con el, pero nunca ocupándose con periodicidade regular do mellor coñecemento do patrimonio artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental, bibliográfico ou mesmo inmaterial.”

A Rede pide a creación de espazos informativos e divulgativos dedicados ao patrimonio e, ademais, manter unha entrevista cos membros da Comisión Permanente de Control da CRTVG e co Presidente da CRTVG.

Co cancelo #QueSeVexaOPatrimonio as entidades da Rede anunciaron este sábado que comeza a campaña.

En xuño de 2017 a Asociación Cultura do País, Adega, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), a Asociación Petón do Lobo,o Colectivo a Rula, a Gentalha do Pichel, Historiadegalicia.gal, Mariña Patrimonio, PatrimonioGalego.net, e a Sociedade Antropolóxica Galega lanzaron a Rede do Patrimonio Cultural. Desde aquela, adheríronse máis de setenta entidades.

Comentarios