As escritoras protagonizan os cambios na directiva da AELG

Cinco mulleres entran no novo consello, con Anna R. Figueiredo como vicepresidenta. Substitúe a Rosalía Fernández Rial, que pasa a ocuparse da sección de Novos Proxectos. Cilha Lourenço asume a secretaría que exercía Mercedes Queizas. Montse Fajardo, Antía Yáñez e Beatriz Maceda entran como vogais.
As mulleres na AELG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antía Yáñez, Beatriz Maceda, Montse Fajardo, Anna R. Figueiredo e Cilha Lourenço, da directiva da AELG. (Foto: Nós Diario)

Coa saída de Carlos Quiroga e Mercedes Queixas Zas, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asume algunhas reestruturacións na súa Xunta Directiva, na que entran cinco novas mulleres: Anna R. Figueiredo, Montse Fajardo, Antía Yáñez Beatriz Maceda e Cilha Lourenço. Esta última asume, ademais, as responsabilidades de Queixas na secretaría.

Figueiredo explica que ao tratarse dun "exercicio de voluntariado", pois non perciben ningunha remuneración, son precisas máis persoas para repartir un traballo que nestes tempos semella aínda máis desafiante.

"A Covid-19 obríganos a repensar as propostas en todas as dimensións, tamén na cultura", comenta apuntando, por exemplo, as dificultades para organizaren presentacións e charlas -unha parte fundamental do seu traballo- co dixital sempre no horizonte.

"Todo vai moi rápido", expón, "ou tes medios humanos ou escápaseche entre as mans". Fajardo, que asume a vogalía por Pontevedra "sorprendida e honrada", explica ademais que a situación, sempre complexa para a literatura galega, se agrava economicamente coa pandemia ao non poder facer estes actos e dificultar a difusión e outros ingresos derivados deles. Neste senso, agradece "o esforzo da AELG por manter as actividades". 

Novos formatos

Precisamente nesta vontade de revisar formatos e adaptarse a uns tempos de crecente peso, forzado, do virtual, Rosalía Fernádez Rial, a anterior vicepresidenta, abandona o cargo para exercer como vogal de Novos Proxectos.

Neste senso, traballa nunha proposta que non tardará en ver a luz na que se contemplan voces novas e medios de creación e de comunicación innovadores. E é que este contexto "pide novos formatos", di Figueiredo.

Yáñez asume a tesouraría da organización, así como a vogalía na Coruña. Residente en Cambre, agarda poder axudar a "dar un pulo" ás actividades na súa área, ao centrarse estas na zona de Vigo coas grandes editoriais radicadas alí.

A súa compañeira como representante coruñesa, Maceda, sinala a vontade de contribuír a "progresar no coñecemento da lingua e cultura galega", algo que para ela resume a función da asociación. 

O foco na educación

Figueiredo estará tamén centrada na área de Ensino e Literatura, un eido que coñece de primeira man. Neste senso, sinala o obxectivo fundamental de conseguir unha "comunicación máis fluída" do labor das escritoras coa sociedade, en especial nas escolas.

"Imos costa baixo e sen freos", asegura Figueiredo, en grande medida referíndose aos efectos do Decreto do Plurilingüismo

Adianta así outra iniciativa que verá a luz entre finais deste ano e comezos de 2021, co apoio do Concello e da Deputación da Coruña: "Un diálogo cos traballos de autoras e autores en voga para introducir nas aulas". Isto responde ás preocupacións pola escasa presenza do galego entre o alumnado.

"Imos costa baixo e sen freos", asegura, en grande medida referíndose aos efectos do Decreto do Plurilingüismo. Ela, docente, coñece ben esta realidade e admite "temer un novo confinamento", con todas as adaptacións que implica, a unha velocidade "que non che deixa respirar".

Gostarías de seguir coa lectura? Vai á libraría máis próxima ou entra na nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe e terás o texto ao completo. Tamén podes elixir unha das modalidades de subscrición que che ofrecemos!

Comentarios