"Eu violei o lobo feroz", o poemario da Teresa Moure máis desobediente

Máis dun cento de persoas asistiron ao lanzamento do último libro publicado por Teresa Moure. Acompañada pola editora ATravés e o poeta Rafa Vilar, a escritora non dubidou en recitar algunhas das poesías que compoñen a súa obra máis desobediente.

Ainda que vista sempre de vermelho
não deve pensar o senhor juiz que sou vaidosa;
comprei um lote de camisolas revolucionárias
que agora devo gastar
até que rachem e se desfiem cobrindo-me.
Levam rotuladas estrelas encarnadas,
emblemas políticos desses que aglutinam multitudes,
todos traçados com a cor do sangue.
Mal saberá o senhor o que significam, já sei.
Eu mesma ignoro-o
mas gosto de comprovar quanto amolam
uns poucos signos manchados de conteúdos vagos.

 

 

Desta volta non vestía de vermello nin lucía unha camisola revolucionaria "con emblemas políticos deses que aglutinan multitudes". O que si acompañou a Teresa Moure foi a súa carapuza, vermella, claro. Como ben di de seguido neste mesmo poema con que encetamos a crónica, "a carapuza não é vestido, faz parte de mim".

A prolífica escritora presentou esta quinta feira na facultade de Filosofía de Compostela e perante máis de cen persoas Eu violei o lobo feroz, un poemario que ben pode ser lido coma un conto, ou coma un romance. Un poemario que, de termos que o resumir nunha única palabra, escolleriamos aquela coa que Rafa Vilar o resumiu: desobediencia.

Do maxín de Teresa Moure tiñan saído ensaios, novelas, textos xornalísticos... mais non un libro de poemas. Para alén de ser pioneiro neste aspecto, tamén o é a súa rotura coa 'castidade' que lle apuñan crítica e leitor@s. En Eu violei... a autora vólvese "sexualmente explícita", dixo, porque nesta obra "política e erótica van da man, son unha mesma sensación". Retomamos a intervención do poeta Rafa Vilar, quen acompañou Moure na presentación do libro, para explicar o terceiro dos motivos polos que son estas páxinas pioneiras: a "desobediencia lingüística". 

Redactado "nunha ortografía disidente", o galego-portugués, a propia autora explicou que editoras -"que teñen vendido moitos exemplares meus"- recuaron ao saber que esta obra non era como as demais. Ao fío, Xemma Tedín, representante de ATravés, agradeceu a Teresa Moure que tivese contado con esta modesta editora para tirar do prelo un libro --e volvemos a Rafa Vilar-- "engaiolador e desacougante, que nos conta, nos bate, nos fere, nos propón".

A autora non dubidou en facer brincadeira co seu espido 'reintegrata', cuxo colectivo dixo estar caracterizado polo seu "mal humor"; o terceiro no escalafón após "os independentistas e feministas" categorías sob as que ela mesma se sitúa. 

Facendo mención a Antom Santos, María Osório, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo, @s catro independentistas que veñen de ser condenad@s pola Audiencia Nacional española a 56 anos de prisión e 36 de liberdade vixiada, Moure mudou o Denantes mortos que escravos por un Denantes violentas que escravas e enfatizou que "eu gostaría de ser pacifista e pacífica", mais a realidade actual non permite máis que se sumar á loita.

Dixo Rafa Vilar que Eu violei o lobo feroz é un poemario que deconstrúe "desde as marxes un conto máis que coñecido", o da Caparuciña. Desde o título, "descarnado e descarado", do cal o poeta fai unha leitura onde o adxectivo "feroz" non cualifica o lobo, senón ao propio "eu": a voz rebelde, feminina e feminista, que vai narrando este conto con forma de poesía. 

E avanza o libro até o seu remate, con esa voz pornográfica e confesional, que xa nos gañou irremediábelmente para a súa trincheira. Palabras estas últimas recollidas no sétimo apontamento que Vilar fixo deste último título (ou primeiro?) de Teresa Moure: un berro pola desobediencia.

Comentarios