domingo 20/09/20
Cultura

É a escrita un oficio que se aprende? Desde Tecedeiras ensinan a contar historias

Obradoiros para tecer historias, agora en liña
As tres integrantes do proxecto: Mario Regueira (esquerda), Lorena Souto (centro) e Eduardo Estévez (dereita).
As tres integrantes do proxecto: Mario Regueira (esquerda), Lorena Souto (centro) e Eduardo Estévez (dereita).

Aínda que non tende a considerarse de tal maneira, a arte de escribir é un oficio que tamén cómpre aprender. Ou esa é a crenza, fronte á convencional mitificación do talento, coa que nace a iniciativa Tecedeiras, un grupo que ofrece obradoiros de escrita creativa online da man de profesionais vencelladas á literatura desde distintos eidos, ademais do de autoras literarias: Eduardo Estévez, Lorena Souto e Mario Regueira.

As tres compañeiras xa traballaran xuntas nalgúns obradoiros ou noutros proxectos. Durante o confinamento, descubriron o dixital tamén como un bo espazo para desenvolver estas funcións, malia as reticencias iniciais que confesa Souto. Todo veu de man de Estévez, que impartía un curso nas Pontes que se seguiu reunindo por videoconferencia desde o encerro, partillando opinións sobre os textos sen o coordinador, que de entrada quixo fuxir destas fórmulas de virtualidade crecente. Mais un día uniuse e ficou abraiado co ben que funcionaba. Daquela, convidou a Souto e Regueira para que visen como acontecía.

Vantaxes da virtualidade

Aínda que as Tecedeiras son defensoras do contacto directo, a tecnoloxía ten certos puntos a favor. Permite, por exemplo, que acceda calquera persoa, sen restrición xeográfica e con máis flexibilidade horaria. Con todo, segundo se vaian dando as circunstancias non descartan puxar tamén polo modelo presencial, con máximo de 15 persoas.

Os obradoiros, explica Souto, consisten en "aprender facendo", a través da reflexión sobre as estratexias que funcionan a nivel literario. Neste senso, é moi importante a discusión dos textos en conxunto, pois danse "lecturas razoadas que permiten identificar eses mecanismos", afirma a poeta. Segundo di Estévez, funcionan coa premisa "os textos primeiro". "Nós non damos teoría", asegura, senón que promoven accións reflexivas. A escrita como "proceso solitario" atopa neste formato a compaña e o feedback de quen opina intentando "entender como funciona o texto", acrecenta, nunca ficando no "gosto / non gosto".

Para Souto trátase de "fomentar o razoamento a través da escrita", algo especialmente viábel con ese "lectorado emocionado" que partilla a paixón pola palabra, co que a pesar da gran disparidade de perfís se crea un "ambiente de confianza". De tal maneira, constrúese un espazo que permite "contrastar o texto", explica Estévez. "Canta máis diversidade, máis puntos de vista", o que enriquece enormemente a discusión porque "non hai unha reacción unívoca", argumenta Souto. "Ademais dáse unha escoita entre xeracións moi atenta, algo que non acontece noutros espazos", engade Estévez. Así, "máis alá do literario, é un proceso social", asevera o escritor.

Porque a tecer historias tamén se aprende

A profesión de escritor ou escritora non é, cando menos para elas, unha cuestión de talento, ter tempo e sentarse diante do folio en branco ou do procesador de textos. É tamén unha disciplina que se pode aprender, idea que se atopa moito máis asentada noutros países, que mesmo incorporan a escrita creativa con frecuencia nos plans de estudos, algo que Souto viu de primeira man no Reino Unido. Igualmente, na Arxentina, onde naceu Estévez, estes formatos son máis habituais e estiveron de facto nas súas orixes no mundo literario, nas reunións informais na casa do coordinador do grupo que constituían un "espazo de resistencia durante a ditadura".

Así, Estévez acredita firmemente que "o escritor non nace, faise", consciente de que a este aforismo non responde á percepción maioritaria na sociedade. "É curioso, porque non llo exiximos a outras artes como a pintura. Non te vas converter sen máis en Shakespeare ou Chus Pato, nesa mitificación esquécese a aprendizaxe", di Souto.

Por que se desenvolven estas dinámicas é unha cuestión sobre a que só se atreven a elucubrar. "Parece que ao escritor, especialmente nun sistema como o noso, se lle presume un compromiso que parte da militancia", reflexiona Estévez. Así, mencionan anécdotas de recitais musicados nos que a persoa intérprete cobra pero a poeta non, porque se entende ese "halo de vocación", que nunha disciplina moi vencellada á autoexpresión "parece emanar dun talento interior", comenta Souto.

Olladas múltiples

Coa diversidade instaurada como bandeira, afirman as Tecedeiras que cando imparten os obradoiros nunca están de acordo en nada, e iso, para alén de causar divertimento entre as participantes, tamén resulta enriquecedor. "Non hai verdades absolutas, senón lecturas. E estratexias e recursos", insiste Souto. E logo, cada lector é un mundo. Por iso, o importante é ter ferramentas para avanzar nunha aprendizaxe continua.

comentarios