Micromecenado para adaptar 'Canibalismo'

A escrita experimental de Marcos Abalde procura vías para o cinema

Canibalismo (Estaleiro Editora, 2011) foi o primeiro libro publicado por Marcos Abalde (Vigo, 1982). Peza experimental, dalgún xeito inscrita niso que denominan posdramaturxia, a medio camiño entre a poesía radical e o teatro fóra de norma, quedou un pouco á marxe do radar crítico. Agora o colectivo Projeto Jägher quere transformala nunha curtametraxe.
story-2-2 canibalismo
photo_camera 'Storyboard' de Projeto Jägher para a curta 'Canibalismo'. Imaxe: cedida.

Para materializar a iniciativa, Jägher -conformado polas cineastas Diego R. Aballe e Amanda Seijas- acaba de pór en marcha unha campaña de micromecenado. O seu obxectivo? Xuntar orzamento para un filme de entre 15 e 17 minutos “sobre a natureza humana, o odio ao descoñecido, os xuízos morais e as certezas inmorais”.

Tal e como os impulsores da idea explican na web de financiamento (www.goteo.org), a obra transporta o lector ou lectora “a unha noite fría no rural galego, onde dous homes dan voltas no seu carro ata que se atopan cun mendigo inmigrante que dorme nun caixeiro automático abandonado. Non queren matalo: primeiro debe confesar  os seus crimes e pecados, e asumir a súa condición de besta. Se non é polas boas, será polas malas”.

Projeto Jägher xa realizou os labores de preprodución e contará con tres actores galegos: Toni Salgado, Fran Nogueira e Germán Prenta. A banda sonora orixinal da curta correrá a cargo de Brais González.

“Temas como o racismo, a xenofobia e o senfogarismo abórdanse de forma activa e directa neste proxecto, cuestións de actualidade”, indican na páxina de micromecenado. Para Marcos Abalde, autor do texto orixinal, todo se resume na necesidade de “parar a roda do mal, da infamia”. “Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión”, afirma.

Abalde escribe teatro e poesía. Canibalismo foi en 2008 premio Josep Robrenyó, que concede a Associació d'Investigació i Experimentació Teatral de Catalunya. Oenach (Espiral Maior, 2015) e Exhumación (Xerais, 2016) son volumes de poemas, tamén premiados, en que se move por territorios políticos, reivindica a memoria dos vencidos e relé mitos clásicos con intención subversiva.

Comentarios