martes 24/11/20

Escribir no surco da canción: As cancións no imaxinario da narrativa galega recente

As relacións da literatura galega co mundo da música foron historicamente vizosas, aínda que non sempre no mesmo sentido. Por un lado, a relación da poesía galega coa música popular é tan ancestral como mutuamente enriquecedora, e mesmo a perspectiva sonora internacional e os seus universos aparecen moitas veces representados, pero o conto é outro para o caso dun xénero como a narrativa. Falamos con algunhas das autoras que nos últimos anos mergullaron en vinilos ou listas de reprodución para contar, ao seu son, novas historias.

 

“Lexionario en Melilla, Boxeador en Detroit, Confesor da Raíña...”, chega unha ollada ao índice do novo libro de Xosé Ramón Pena para acabar cantarolando unha inesperada versión galega dunha coñecida canción de Joaquín Sabina. Se cadra é só entón cando quen le volve ao título do libro e ata os cabos: os relatos que compoñen Todas as vidas (Xerais, 2020) seguen un programa inesperado cun referente popular, se cadra non tan estraño na literatura galega como poida parecer. “Curiosamente comecei por Ancián en Shangri-La, un relato case completamente biográfico, moi relacionado cos territorios e paisaxes da infancia e que xurdiu dunha forma case máxica, aínda moi ligada á imaxinación infantil e que cobre unha sorte de débeda co pai. Despois viñeron outros relatos, pero só cando comecei a historia do boxeador decateime de que, inconscientemente, estaba a reproducir as vidas da canción de Sabina, entón dei forma ao proxecto e completei as referencias que faltaban. Converteuse nunha guía que aínda continúa e que xa vai dando forma a outro volume de contos”.

A mestura de casualidade e o inconsciente está tamén noutras relacións da narrativa de Pena coa música. Títulos como Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997) ou Fado de princesa (2005) reflicten cancións ou referencias musicais moi diversas, unha corrente que tamén acaba entrando dentro das obras. En Todas as vidas hai unha abondosa lista de sons: desde a Motown ao tango. “Chandler dicía que tiña que sabelo todo dos personaxes aínda que despois non o empregase. Decateime de que me pasaba algo parecido, teño que saber que música escoitan os meus”. Pena recoñece porén, que a súa forma de escribir ten máis que ver co fílmico: “Imaxino unha película e nela tamén hai banda sonora, pero iso non quere dicir que reivindique todas esas cancións”, di nun sorriso, lembrando a música italiana (Raffaella Carrá á fronte) que escoita unha das protagonistas.

Cunha lista de cancións moi aberta constrúe tamén Rosalía Fernández Rial o seu libro de relatos Bonus Track (2018), que recolle achegas tan diversas como a Patti Smith da portada, Amaral, ou músicos galegos como Narf ou Berrogüetto. “Trátase dunha escolla que eu entendo como natural, e que, nese sentido, xoga case co irracional. Quería que figurasen as cancións que me dicían algo, que me inspirasen un personaxe ou que encaixasen no impulso creativo. Ese é o seu vínculo, non necesitaba que formasen unha lista coherente e fun botando man do que me interesaba”, di a autora, que tamén recoñece que a súa xeración se cadra ten menos prexuízos musicais que as precedentes e xoga tamén con distintos niveis de cultura, incluída a máis popular ou a menos canónica.

Na narrativa de Rosalía Fernández Rial, que debutaba editorialmente no xénero xustamente con esta obra, a pegada musical compón unha influencia múltiple: “As cancións están como cita, como unha intertextualidade moi ligada ao texto, pero tamén quería que se acompasasen coa voz dos personaxes, e tampouco perdo de vista que moitas veces os temas contan o seu propio relato, creo que hai varios niveis de historias nesta relación”, afirma, lembrando que a música, ademais de estar moi ligada á cultura actual, tamén é literatura. “Creo que as cancións viñeron á miña escrita para quedar, mesmo sigo dando voltas ao redor delas unha vez rematado o proxecto de Bonus Track”.

A autora de Carballo recoñécese primeiro como poeta, e nese sentido afronta tamén a narrativa cunha alta consciencia da musicalidade da súa prosa. “A música do texto é tan importante como cando escribo poesía, non concibo o relato sen ese son, hai unha consciencia explícita de construír un ritmo, unha cadencia coa que contar as cousas”, explícanos, ao tempo que lembra como as lecturas en alto axudan a construír esa dimensión do narrado.

Poucas obras da literatura galega estabelecen unha intertextualidade tan directa cun artista como a que creou Iria Misa en Mamá, quero ser Ziggy Stardust con David Bowie. A obra leva un dos alter-egos do camaleón do rock no título, e concede unha grande importancia ao seu universo. “Escollín a Bowie porque é un artista que admirei de sempre, sobre todo pola súa capacidade de cambiar e de innovar, e ademais o personaxe de Ziggy axeitábase ao texto que eu quería construír. Trátase dunha figura andróxina que encaixaba moi ben co dilema ao que se enfronta Aine”. O protagonista desta obra enfocada ao público infantil e xuvenil dá conta da tensión familiar, escolar e social que vive nun mundo que non acepta que non acabe de identificarse co xénero que lle asignaron ao nacer. A impugnación dos roles e a loita de Aine para ser identificado como un neno atopan na figura do vaqueiro galáctico Ziggy Stardust, un dos personaxes do músico británico, o seu principal aliado. E máis aló diso, tamén é un símbolo que anima ás crianzas a xogar e perder o medo: “Deixa os nenxs bailar”, recolle Iria Misa en tradución da letra de Starman.

“Creo que a música ofrece mil historias para contar, está chea delas. De feito, considéroa unha narrativa máis”. A autora fálanos das bandas dos 90 e de Pulp, deixando un pouso de admiración polo seu letrista Jarvis Cocker e unhas letras que reflicten aspectos marxinais ou descoñecidos. “Ás veces penso que eu o que fago é unha versión longa dunha letra musical porque non son capaz de condesar as miñas historias nunha canción”.

“A música impregnou toda a miña vida, dende que era moi nova, é normal que acabase entrando tamén nos meus libros”, afirma a novelista que recoñece que esa relación probabelmente continuará: “Teño algo en mente que pode ser unha nova intertextualidade musical”. Novas achegas que continuarán a tramar unha relación que, do local ao universal, leva as narradoras galegas a musitar cancións mentres escriben.

Listas, trailers, e cancións

A facilidade para compartir contidos na rede levou a relación entre música e literatura e un novo nivel. É frecuente ver hoxe en plataformas dixitais listas das cancións mencionadas nunha obra e mesmo auténticas bandas sonoras ambientais para acompañar a lectura. É unha situación que favorece e facilita tamén a intertextualidade, ofrecendo consultas rápidas sobre material descoñecido ás persoas lectoras. Ademais de fomentar a visibilidade dunha obra en eidos diferentes dos convencionais, a música é empregada cada vez máis en elementos de promoción directa como os booktrailers.

Rosalía Fernández Rial ten empregado estas ferramentas: ademais dunha lista de reprodución coas músicas de Bonus Track en Spotify, a obra conta cun trailer para o que os artistas Xiana Lastra e Adrián Saavedra fixeron unha mestura sonora. O libro conta tamén cunha unidade didáctica na que se traballa coa súa dimensión musical.

Iria Misa, pola súa parte, recoñece non ter empregado tantos medios para acompañar o libro, aínda que si bota man do audiovisual nas presentacións do libro, xeralmente ante público infantil e xuvenil: “Teño un material que emprega imaxes de David Bowie, para amosalles o aspecto, e despois póñolles anaquiños das súas cancións. Quero demostrarlles que coñecen máis cancións de Bowie das que pensan, e habitualmente é un éxito, recoñécenas e póñense eufóricos”.

Xosé Ramón Pena, pola súa banda, asume que non ten traballado case nada esa dimensión: “Non son ningún analfabeto informático, pero non emprego eses medios para escoitar música, así que nunca se me ocorreu. De todas formas, estou aberto a que alguén que coñeza mellor o medio faga listas ou o que sexa coas cancións do libro”.

comentarios