As escritoras reivindican Rosalía para desafiar o presente

“Escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude”

A Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) levou ao Panteón de Galegos, e Galegas, Ilustres a súa ollada sobre Rosalía de Castro. Este domingo, cando se fixeron 182 anos do nacemento da poeta, Ana Romaní leu o manifesto das autoras na igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela: “Escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude”.
 

romaní en Bonaval
photo_camera Ana Romaní e traballadoras da CRTVG len o Manifestro da AELG en San Domingos de Bonoval o 24 de febreiro de 2019. Foto: AELG

traballadores galega @jorgeduarteva

Ateigado de público, e previa e posterior actuación da coral da asociación cultural e musical Solfa, o templo acolleu a lectura do texto preparado por Romaní, poeta e xornalista, que, a xeito de ladaíña, emprega versos de Rosalía para desafiar o presente. O espolio, as violacións, os desafiuzamentos, o abuso laboral, a inxustiza social e os éxodos desfilaron polo seu discurso acompañado da obra da autora de Follas Novas.

“Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo -que non é aquela que bastardean nas máis ilustradísimas provincias- aínda hoxe é un manifesto”, dixo. Como nunha colaxe a partir da obra de Rosalía, Ana Romaní, en nome das escritoras e escritores da AELG, arrepúxose á violencia social, estrutural, do neoliberalismo. Tamén á machista: “Aqués que ten fama de honrados na vila. Galiza, ano 2017, 82 agresións sexuais / raposos de sangre maldita, Galicia, ano 2017, 6436 denuncias por violencia de xénero / vendéume a xusticia, manda, manda, manda, fato rabaño / dun golpe!”.

alborada santiago

Canda a poeta e Manifesto da AELG (cuxo texto completo pode consultarse aquí) estiveron sete traballadoras e traballadores dos medios públicos de comunicación. A propia Romaní é empregada da Radio Galega e durante 28 anos encargouse da dirección do embelmático Diario Cultural, suprimido pola dirección de maneira unilateral hai uns meses, no medio de fortes protestas. Estes, que levan meses mobilizados contra a manipulación dos gobernos do Partido Popular, recitaron poemas de Rosalía de Castro e completaron así o acto central da asociación de Escritoras, coa Fundación Rosalía unha das principais impulsoras da xornada do 24 de febreiro como Día de Rosalía.

Alborada na Praza de Vigo


O da AELG non foi a única actividade relacionada con Rosalía de Castro celebrada en Compostela. De feito, a capital do país foi o epicentro tamén dos actos oficiais coorganizados pola fundación da poeta e o concello. Cunha Alborada na Praza de Vigo, onde naceu a escritora en 1837, e un cortexo de cidadáns e autoridades a percorrer a distancia entre a Alameda -lugar que acolle a estatua da poeta- e o Hostal dos Reis Católicos. Alí houbo lectura de poemas, cancións e as intervencións dos representantes institucionais.

Nota: na foto de arriba (@jorgeduarteva), o presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, a secretaria Mercedes Queixas a poeta Ana Romaní e traballadoras da CRTVG diante da tumba de Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval. Na de abaixo (@PazoDeRaxoi), cortexo oficial pasa perante a catedral de Santiago.

Comentarios