A Escolma de Cinema de Sarria redúcese de tres días a un 

A falta de financiamento por parte da Deputación de Lugo explica que a segunda edición da Escolma de Cinema Galega teña só unha xornada, cando o ano pasado se celebrou durante tres días. 

escolma-sarria
photo_camera Imaxe dunha das actividades da Escolma en 2016 [Foto: Toño López]

Regresa a Sarria a Escolma de Cinema Galego, desta volta centrada nas migracións, pero faino de forma moi reducida. Segundo eles mesmos afirman en nota de prensa, isto explícase porque a estas alturas (faltan dez días) a Deputación de Lugo "non confirmou -polo momento- o seu apoio e os custes desta actividade cultural para a cidadanía sarriá e dos concellos do sur da provincia teñen que ser asumidos integramente pola Concellería de Cultura do Concello de Sarria".

De 12 filmes proxectados o ano pasado pásase a catro, entre os que se encontra 'Mimosas', a fita de Oliver Laxe premiada en Cannes

É por iso que toda a programación deste ano se concentrará nun día, o 18 de marzo, no que se proxectarán catro filmes recoñecidos internacionalmente, pero de difícil acceso para o público galego. Desta volta a programación centrarase en 'Cinemas migratorios e cineastas galegos na emigración'. As fitas confirmadas até o momento son: 'Mimosas', o multipremiado filme de Oliver Laxe; o documental 'A viaxe dos Chévere', de Alfonso Zarauza; 'Os días afogados', de César Souto e Luís Avilés; e 'No cow in the ice', de Eloy Domínguez Serén. 

Alén da programación audiovisual, tamén haberá propostas musicais, con concertos de Chicharrón e Pantis. 

A Escolma de Cinema Galego en Sarria naceu en 2016 baixo a dirección de Alberte Branco co obxectivo de visibilizar a creación audiovisual contemporánea ao tempo que diversifica a amplía a actividade cutural do concello de Sarria, un concello que -como tantos outros- carece de cine. Na súa primeira edición converteu Sarria no epicentro do "Novo Cinema Galego", recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras como unha nova corrente contemporánea e vangardista que acada ano tras ano multitude de premios a nivel internacional. Fíxoo enchendo de público a Casa da Cultura da vila durante tres días, nos que se proxectaron unha ducia de fitas e se celebraron varias conversas e actividades con dez premiados cineastas. 

Comentarios