A Escola de Idiomas de Compostela segue a celebrar Carvalho Calero

Rematou 2020 mais a Escola Oficial de Idiomas de Compostela anuncia que organizará actos para celebrar Ricardo Carvalho Calero en 2021.

Entrada da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela.
photo_camera Entrada da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela.

“Ante a imposibilidade de o poder facer, por circunstancias ben coñecidas, en 2020”, a Escola Oficial de Idiomas de Compostela anuncia a organización de actos para celebrar Carvalho Calero tamén en 2021.

Nunha nota enviada aos medios de comunicación, a EOI compostelá, da que é director Gonzalo Constenla, informa que o primeiro dos actos terá lugar o 22 de xaneiro, sexta feira, a partir das 19 horas en Webex. Consistirá nunha palestra virtual do xefe do Departamento de Português da EOI e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), Eduardo Maragoto: O Carvalho lingüísta: da sua gramática ao seu reintegracionismo.

Ademais, a EOI convoca o certame Recitando Carvalho Calero. Convida a escoller un poema do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2020, a gravalo e a envialo antes do 31 de marzo de 2021. Haberá premios para os 10 primeiros videopoemas.

A EOI súmase así ao asociacionismo de base que se sitúa ao redor da Federación Galiza Cultura para seguir celebrando Carvalho Calero en 2021 dadas as limitacións derivadas da pandemia. Tamén o Concello de Ferrol anunciou que continuará cos actos de homenaxe a Carvalho en 2021. Entre outros, tamén o Concello de Lugo aprobara unha iniciativa para prolongar o Ano Carvalho a 2021.

A Real Academia Galega (RAG) decidiu en sesión plenaria dedicar 2021 a Xela Arias, a quen xa homenaxeara a Plataforma A Sega co Día da Galega nas Letras.

Comentarios